DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A científica Lynn Margulis impartiu a lección inaugural do simposio que reúne 100 investigadores de

Os palinólogos subliñan a utilidade do estudo do pole para propiciar o avance científico

Destacan a súa aplicación en ámbitos como agricultura, o medio ambiente ou a medicina

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 07/07/2010

O coñecemento do pole e as esporas é o obxecto de estudo da Palinoloxía, pero esta rama da ciencia garda tamén unha fonda vinculación con ámbitos do saber como a agricultura, o medio ambiente, a medicina e incluso con outros sectores que poderían parecer máis afastados como a arqueoloxía e a enxeñaría. Así se puxo de manifesto este mércores no acto de inauguración do XVII Simposio Internacional de Palinoloxía, unha actividade organizada pola Asociación de Palinólogos de Lingua Española que reúne no campus a máis de 100 investigadores chegados de 13 países.

Todos eles coincidiron con María Jesús Tallón, subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, cando subliñou “a grande utilidade desta ciencia para propiciar o avance científico en diferentes campos e para resolver problemas prácticos que formulan outras disciplinas e que se demandan socialmente”. Arqueóloga de profesión –traballou durante 27 anos no servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia- Tallón afirmou que “os historiadores do pasado non poderían avanzar sen a cooperación dos palinólogos en proxectos de investigación conxunta” e asegurou tamén que non existe na actualidade ningún proxecto importante de investigación arqueolóxica “que non prevea a realización de análises polínicos”.

Dende a Nanotecnoloxía ata o estudo do pole

O Simposio Internacional sobre Palinoloxía chega a Ourense da man dos profesores e profesoras da área de Botánica da Universidade de Vigo. María Victoria Jato, catedrática de Botánica e actual vicerreitora de Investigación e Transferencia do campus de Ourense, é tamén a presidenta do comité organizador e foi a encargada de dar a benvida aos congresistas ao tempo que subliñou a importancia de celebrar este certame en Galicia. Unhas palabras sinaladas tamén por Delia Fernández, presidenta da Asociación de Palinólogos de Lingua Española e por Ana Garrido, concelleira de Educación do Concello de Ourense.

Manuel Fernández Iglesias, vicerreitor de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, pola súa banda, fixo fincapé na utilidade científico–práctica da Palinoloxía debuxando unha pequena descrición entre a enxeñaría, campo no que este profesor desenvolve o seu traballo, e a Palinoloxía. Segundo as súas palabras, “creo que ambos mundos comparten unha característica común, o feito de que algo pequeno, insignificante e invisible poida ter un impacto tan relevante no mundo macroscópico”, sinalou en referencia aos avances no campo da nanotecnoloxía e aos producidos na investigación en palinoloxía. “Eventos como o que inicia hoxe a súa andadura teñen ante si un reto importante como é o de trasladarlle á cidadanía como o estudo do pequeno pode axudar a resolver problemas reais das persoas”, afirmou.

4000 millóns de anos de evolución en 40 minutos

A bióloga americana Lynn Margulis, profesora do Departamento de Xeociencias da Universidade de Massachusetts, foi a encargada de impartir a lección inaugural do simposio titulada A evolución da vida sobre o planeta Terra antes das plantas: eucarioses e simbioxéneses. Na súa intervención, Margulis fixo un percorrido por 4000 millóns de anos de evolución en 40 minutos nun ameno relatorio no que demostrou as súas dotes especiais como divulgadora da investigación científica.

Afirmou a investigadora que o medio ambiente non pode soportar o crecemento da poboación dos seres vivos e que esta realidade desemboca nun proceso de selección natural, “en realidade un proceso de eliminación que depende sempre do medio ambiente”, declarou.

Na súa intervención Margulis explicou a diferenza entre simbiose, “o feito de que organismos de especies diferentes vivan en contacto físico” e simbioxénese, “o resultado de simbioses estables a longo prazo que desembocan na transferencia de material xenético, pasando parte ou o total do ADN dos simbiontes ao xenoma do individuo resultante” para defender esta última realidade como “o modo principal da innovación evolutiva e da especiación”.

Fronte a outras teorías que falan da existencia de mutacións xenéticas aleatorias a científica defende a Teoría da Simbioxénese, que sitúa as relacións simbióticas como as responsables da maioría das novidades evolutivas. “Nós detallamos a secuencia histórica da simbioxenética na orixe das células nucleadas con antepasados bacterianos. O que propoño é que a acumulación de mutacións ao azar xoga un papel menor nas funcións e na creación de novas especies e as primeiras especies de organismos con núcleos –protoctistas heterótrofos e algas- ilustra este concepto”, sinalou.