DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A entrega de galardóns celebrouse este venres no edificio Redeiras e incluíu unha festa no Berbés

Os Premios Alumni-UVigo poñen rostro ao talento das egresadas e egresados da Universidade de Vigo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e África González, recibiron sendos recoñecementos honoríficos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Institucional
DUVI 07/07/2023

Verónica Codesido, Patricia García, Óscar Penín, María Calvo e María Carrera. Os cinco estudaron na Universidade de Vigo e os cinco son desde este venres Premios Alumni-UVigo, galardóns que recoñecen un labor persoal e profesional que destaca pola súa valía e por ser exemplo de bo facer. Os seus nomes déronse a coñecer este venres nunha gala celebrada no edificio Redeiras, presidida polo reitor, Manuel Reigosa, e que se converteu nunha gran festa coa que a institución académica viguesa quixo incentivar a relación co seu antigo alumnado e reforzar o sentimento de pertenza á institución, contribuíndo activamente ao desenvolvemento e proxección social das súas egresadas e egresados. Durante o acto, entregáronse ademais os premios Alumni-UVigo Honorífico, á catedrática África González, e Alumni-UVigo Distinguido, ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, recoñecementos ao mérito de dúas persoas especialmente implicadas con esta institución e cuxo traballo contribúe aos intereses e valores propios da Universidade de Vigo.

Nunha gala conducida pola profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución Susana Rodríguez Barcia, a primeira en subir ao escenario foi a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, quen explicou brevemente o porqué destes premios e da comunidade Alumni-UVigo, integrada na actualidade por máis de 1600 persoas. Explicou tamén a composición do xurado que foi o encargado de elixir os 15 finalistas -tres por cada categoría-, de entre as máis dun cento de candidaturas recibidas, e que logo foi a propia comunidade Alumni-UVigo, con seus votos, a que elixiu ao premiado ou premiada de cada unha das categorías.

Premio ao Emprendemento para Verónica Codesido, pioneira no  uso cannabis medicinal

O primeiro galardón que se deu a coñecer foi o premio Alumni-UVigo Emprendemento para Verónica Codesido, premio que recolleu o seu pai Juan José Codesido. Licenciada e doutora en Bioloxía pola Universidade de Vigo que, tras varios anos como investigadora en varias institucións europeas pasou á empresa privada Phytoplant Research (Córdoba), onde traballou para lograr a mellora xenética de Cánnabis sativa con fins medicinais. Hai catro anos cofundou a súa propia empresa, MIFCO Biosciences (Antequera), da que é a responsable de cultivo e que está enfocada ao cultivo in vitro de cannabis medicinal, presumindo de conseguir unha das poucas licenzas outorgadas pola Axencia Española do Medicamento para traballar con esa especie.

Encargouse de entregarlle o galardón Iván Suárez, presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Vigo.

Premio á Traxectoria Profesional para Patricia García, primeira presidenta do Círculo de Empresarios

O segundo galardón en desvelarse foi o premio Alumni-UVigo Traxectoria Profesional para quen foi a primeira muller presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, Patricia García, licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Vigo e cofundadora da empresa Femxa, entidade especializada en consultaría e formación para o emprego dirixida a persoas traballadoras ocupadas  e desempregadas, empresas, administración pública, asesorías, despachos profesionais...

Nesta ocasión encargouse de entregarlle o galardón a xornalista Ana Fuentes, directora de Comunicación no Consorcio Zona Franca de Vigo e impulsora da rede de mulleres profesionais Sumamos.

Premio Alumni-UVigo Humanidades para o investigador Óscar Penín

Na categoría Premio Alumni-UVigo Humanidades, o galardón foi para o investigador Óscar Penín, licenciado en Historia e con máis de 20 anos de experiencia laboral, tanto no sector privado como no público. Entre os seus méritos destacouse que foi galardoado co Premio Culturgal 2019 polo seu proxecto Festival Eidos, mencionado polo goberno francés ás boas prácticas en proxectos europeos no marco do proxecto LitFest e nomeado pola Asociación Formigueiros-Courel á Tesera de Hospitalidade do Courel pola súa contribución ao desenvolvemento do territorio. Actualmente é investigador contratado no proxecto UVigo rurAllure H2020, destacando o seu papel como coordinador dos proxectos sociais e culturais do campus de Ourense: Aldearmos e Pedra, festa do saber.

Entregou o premio do director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo.

Alumni-UVigo Impacto Social para a divulgadora científica María Calvo

Licenciada en Ciencias do Mar e experta en comunicación social da ciencia e, en particular, na divulgación sobre o medio mariño e os espazos naturais protexidos, María Calvo fíxose co Premio Alumni-UVigo Impacto Social. Tras licenciarse na UVigo fundou Arenaria Coordinación, entidade na que segue permanecendo como xerente e administradora única. Trátase dunha das empresas adheridas á Carta Europea de Turismo Sostible e recentemente foi aceptada no Club estatal de ecoturismo (SoyEcoturista.com). Recolleu o galardón de mans de Roberto Campo, director xerente da Asociación Down Vigo.

Alumni-UVigo Investigación para a científica Mónica Carrera

A última en recoller o seu galardón foi a investigadora Mónica Carrera, científica titular no grupo de Química de Produtos Mariños do Instituto de Investigación Mariñas do CSIC en Vigo.
Licenciada en Bioloxía (UVigo, 1996-2000) e doutora na mesma materia (UVigo, 2008), é experta en Proteómica Avanzada aplicada á Calidade e Seguridade Alimentaria.  Desde os seus inicios profesionais traballou e colabora con distintos centros de investigación como a propia Universidade de Vigo (UVigo), o CBMSO, a UCM, o IMSB Zürich ou a empresa Thermo Fisher Scientific dos EUA. Neste tempo, actuou como Investigadora Principal en nove proxectos de investigación e as súas investigacións deron lugar a unha patente, ao rexistro de novos alérxenos alimentarios e a métodos rápidos para a detección de alérxenos en alimentos. Actualmente está embarcada no desenvolvemento de vacinas para a alerxia ao peixe.

Entregoulle o premio o catedrático da Universidade de Vigo Daniel Rey, director do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.

Un agarimo especial para África González e Abel Caballero

Da entrega dos premios honoríficos encargáronse o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa e o reitor Manuel Reigosa. Pedrosa fixo entrega do recoñecemento Alumni-UVigo Honorífica á catedrática África González e o reitor fixo o propio co Alumni-UVigo Distinguido Abel Caballero, catedrático xubilado da Universidade de Vigo e alcalde desta cidade. Ambos fixeron unha breve intervención na que agradeceron os seus galardóns.

Pechou o acto o reitor, quen convidou a todas as persoas asistentes a participar no evento lúdico que se celebrou a continuación na praza do Berbés e que, grazas ao apoio dos patrocinadores da comunidade Alumni, incluíu o reparto de petiscos na Alumni-UVigo Food Truck. Foi un encontro concibido para que os antigos estudantes puideran atoparse cos que foran os seus docentes, compañeiros e compañeiras, e enriquecer así a súa rede de contactos, tanto persoais como profesionais.