DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado polo grupo Rede e o IEF

Os principais investigadores españois na simulación de reformas fiscais celebran o seu primeiro simposio no campus vigués

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 18/10/2007
Cunha sesión sobre fontes de datos comezou no edificio Miralles, o I Simposio sobre Reformas Fiscais e Microsimulación que se prolongará ata este venres, xornada na que se desenvolverán sendas sesións centradas en técnicas e metodoloxías, e outra sobre simulacións, nas que participarán investigadores de universidades españolas como a de Barcelona, a Complutense, a Rey Juan Carlos, a de Valencia, Oviedo, o a Universitat de les Illes Balears.
Na inauguración do simposio, o Reitor, Alberto Gago, agradeceu aos asistentes a súa presenza no campus vigués que afirmou “aporta unha imaxe atrevida dunha universidade que non ten pasado e mira cara adiante”. Como membro do grupo Rede, organizador do simposio, Gago destacou o interese que para os investigadores participantes ten a reforma fiscal, así como as posibilidades que introduciu a microsimulación e que cualificou de “inmensas”.
Pola súa banda Santiago Díaz de Sarralde, subdirector xeral de Estudos Tributarios do Instituto de Estudos Fiscais e Fidel Picos, profesor do departamento de economía aplicada e encargado de organización do simposio, destacaron a numerosa presenza de investigadores que se deron cita en Vigo e sinalaron o carácter práctico das sesións orientadas afirmou Picos, “a contar que facemos e como resolver problemas”.

Importante representación de investigadores

A representación da Universidade de Vigo neste primeiro encontro nacional de investigadores que traballan en España no campo da microsimulación de reformas fiscais, está integrada por Miguel Rodríguez, Fidel Picos, Coral del Río, Olga Alonso e Xabier Labandeira.
En total, case una trintena de expertos nacionais, procedentes de universidades, así como do Instituto de Estudos Fiscais, do Instituto Nacional de Estatística e do Banco de España, danse cita no edificio Miralles, ata este venres, para participar no primeiro simposio destas características que se celebra en España.
Organizado polo grupo de investigación Rede (Research in economics, business and the environment) da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e o Instituto de Estudos Fiscais, o simposio permite afondar no traballo que desenvolven os investigadores que traballan na simulación e análises dos efectos de posibles reformas de impostos mediante a utilización de bases de datos representativas da poboación.