DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na primeira xornada da programación cultural do 25 aniversario da especialidade

Os profesionais amosan o perfil polivalente dos enxeñeiros de Organización Industrial

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Sara Alcázar DUVI 28/04/2010
A especialidade de Enxeñaría en Organización Industrial ten moitas “portas abertas”, e así o transmitiron os diferentes profesionais do sector que, ao abeiro da celebración do 25 aniversario da especialidade, se reuniron este mércores no campus para amosar o perfil polivalente dos titulados e tituladas nesta rama e compartir as súas experiencias laborais co alumnado da ETS de Enxeñeiros Industriais.
O director da escola, Luis Piñeiro, foi o encargado de inaugurar a primeira xornada da programación cultural na que tamén estiveron presentes o concelleiro de Mobilidade, Transporte e Seguridade, Xulio Calviño e Constantino García, vicedecano do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.
Tanto Calviño como García salientaron o importante labor levado a cabo pola escola, “contribuíndo á formar profesionais que axuden á empresa local e autonómica e á sociedade en xeral, especialmente nunha cidade tan industrializada como Vigo” apuntou o concelleiro. Calviño tamén fixo fincapé no “importantísimo traballo” dos departamentos relacionados coa Organización Industrial “pola súa capacidade tecnolóxica e de desenvolvemento, que se traduce nun gran pulo industrial á nosa cidade”.
Pola súa banda, Constantino García animou ao estudantado a colexiarse unha vez rematada a titulación para contribuír na “necesaria defensa da profesión nuns momentos tan duros para atopar traballo”. Ademais, resaltou a importancia destas xornadas técnicas “nas que se transmiten experiencias moi útiles para enfrontar a etapa laboral”.
Finalmente, o coordinador da programación do 25 aniversario, Carlos Prado, agradeceu a colaboración do alumnado da escola, “que se encargou da parte lúdica da programación” e presentou aos participantes na mesa redonda “que plasman a polivalencia do enxeñeiro industrial xa que abarcan diferentes postos de xestión, dende o ámbito sanitario ao financeiro”.

Unha especialidade con moitas posibilidades

Baixo o título O Enxeñeiro de Organización Industrial: Perfil Polivalente, expertos do sector pertencentes a antigas promocións da especialidade déronse cita para debater as diferentes posibilidades profesionais que ofrece a Enxeñaría en Organización Industrial.
A xerente de Galaria, Mª Luísa Brandt, foi a encargada de iniciar a mesa redonda transmitindo as súas experiencias profesionais ao estudantado, ao que recomendou “escoller un emprego que vos satisfaga cada día, sendo realistas”.
Ademais, Mª Teresa Fernández Vidal, xefa de márketing de Food Services de Pescanova coincidiu con Brandt na necesidade de “non arrastrar” o proxecto de fin de carreira e aconsellou ao estudantado realizalo nada máis rematar a carreira “para pechar a etapa académica e dar paso á laboral”. Nesta mesma liña tamén se expresaron o resto de relatores, entre os que se atopaban Jorge Carbonell, técnico de sistemas de DESADI 10, José Gil de Bernabé, director do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia e Ricardo García Seijo, director de riscos do Banco Pastor.
Todos eles compartiron cos asistentes o seu desenvolvemento no mundo laboral, aínda que tamén houbo tempo para as risas, no que os relatores fixeron referencia ás anécdotas da época universitaria salientando “a calor e pouco espazo que tiñamos ao comezar na escola de Torrecedeira, que contrastaba coa amplitude e o frío unha vez que nos trasladamos ao campus” comentou Fernández Vidal.
A programación do 25 aniversario da especialidade de Enxeñaría en Organización Industrial continuará o vindeiro 11 de maio coa celebración dunha mesa redonda na que se abordarán as funcións dos enxeñeiros de Organización Industrial na produción e a loxística.