DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolle as VII Xornadas de Enfermaría

Os profesionais da enfermaría visibilizan a importancia dos coidados

A cita reúne este luns e martes a máis de duascentas enfermeiras e enfermeiros

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 14/05/2012

Nunha provincia cunhas taxas de envellecemento altas como é o caso de Ourense falar de pacientes é falar en moitos casos de persoas maiores que están sometidas, ao mesmo tempo, a diferentes tratamentos para diferentes doenzas. Esta situación require dos enfermeiros que as tratan nas diferentes consultas dunha comunicación fluída que permita a continuidade dos coidados que reciben. Para avanzar neste eido e na visibilización da importancia dos coidados, a cita anual dos profesionais da enfermaría de Ourense escolleu para a súa celebración este luns e martes no campus de Ourense o lema “A enfermaría, referente en coidados”.

As VII Xornadas de Enfermaría de Ourense, que reúnen a máis de douscentos profesionais do sector, foron inauguradas este luns por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Francisco Rodríguez, alcalde do Concello de Ourense, e Eloína Núñez e María Victoria Carral, respectivamente xerente xeral e directora de Procesos de Enfermaría da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Durante a súa benvida ao campus, María Lameiras quixo salientar a importancia desta cita anual para que as enfermeiras e enfermeiros “poidan compartir inquedanzas, coñecementos e avances” pois, apuntou, a súa figura é unha peza chave na engrenaxe da saúde dos cidadáns e do seu benestar.

Dignificación

“A nosa aposta é a continuidade nos coidados, desde a atención primaria á hospitalaria, porque non existen casos médicos senón pacientes”, salientou Eloína Núñez. A xerente xeral da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras fixo fincapé na dignificación e recoñecemento dos profesionais da enfermaría e do seu traballo investigador, poñendo como exemplo os 17 traballos que se presentarán ao longo destas xornadas, que coinciden coa conmemoración do Día Internacional da Enfermaría.

Na mesma liña María Victoria Carral apuntou a importancia de “valorizar e visibilizar os coidados, a pesar das dificultades que hai para medilos e cuantificalos”. A directora de Procesos de Enfermaría da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras destacou que os enfermeiros e enfermeiras son, como di o lema das xornadas, os referentes en coidados e profesionais moi valorados polos pacientes e pola sociedade en xeral. Por este papel e pola relevancia de ofrecer coidados de calidade, Carral apuntou ademais a importancia da formación deste colectivo.

Como alcalde da cidade, “e posible cliente no futuro”, Francisco Rodríguez fixo fincapé no importante papel dos profesionais da enfermaría “que fan que outra persoas teñan máis interese por aferrarse á vida”. Deste xeito, o alcalde ourensán quixo recoñecer a figura coidadora das enfermeiras e enfermeiros e a relevancia da súa presenza, traballo e trato.

Trala inauguración das VII Xornadas de Enfermaría de Ourense, comezou un intenso programa no que durante dous días de traballo se afondará en cuestións como a intervención intensiva en condutas suicidas, a hospitalización a domicilio no caso dos enfermos terminais, a dietética, a experiencia educativa en campamento de nenos con diabetes ou a educación dos cidadáns para a saúde.