DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado da Escola Superior de Enxeñaría Informática celebrou este venres o seu acto de graduación

Os que si rematan os seus estudos confiando en atopar emprego

Entre os 64 novos egresados está a primeira promoción de grao do centro ourensán

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 15/07/2013

Remataron o seus estudos universitarios e é o momento de que saian ao mercado laboral. En tempos de crise económica, eles e elas fano coas mesmas incertezas, expectativas e gañas de atopar un oco na sociedade que calquera outro alumno pero coa vantaxe de que a súa profesión é unhas das que se mantén allea ás taxas de paro. 64 novos egresados da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense celebraron este venres o seu acto de graduación acompañados de familiares, amigos e membros da comunidade universitaria.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Ana Garriga, directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática, presidiron un acto no que se homenaxeou á XX promoción de Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión; á XIII promoción de Enxeñaría en Informática; á primeira promoción do grao en Enxeñaría Informática e á IV promoción do Mestrado en Sistemas Software Intelixentes e Adaptables. Un a un os novos titulados deste centro recolleron con satisfacción e de mans das autoridades presentes as súas insignias, bolsas e diplomas.

Cualificados e responsables

“Celebrar o voso éxito significa tamén celebrar o voso traballo e ilusión ao longo destes anos. Confiamos en que, con independencia de que teñades a vocación de dedicarvos ao mundo da investigación ou comecedes a exercer profesionalmente, fósemos capaces de formar profesionais non só altamente cualificados senón tamén altamente responsables da súa misión na sociedade. Ao seu conxunto, ao esforzo colectivo dun país, debedes en boa medida a oportunidade que vos brinda o futuro ao contar cunha boa formación”, díxolles Ana Garriga durante o acto de celebración, no que quixo lembrar ao falecido Gregorio Peces-Barba e á importancia da ética no desenvolvemento persoal e profesional. A todos estes novos titulados, que van a exercer nunha profesión que está considerada a terceira con máis saídas profesionais e que acapara arredor do 13% das ofertas de emprego existentes, segundo se lembrou durante o acto, María Lameiras quixo agradecer o seu paso por esta Universidade e desexarlles moito éxito na nova etapa que agora comezan.

O padriño das promocións, o docente Daniel González, e os voceiros dos egresados, que foron Rube?n Feliz, de Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión, e Pablo Prol, do grao en Enxeñaría Informática, foron os encargados de facer, entre o sorriso e a emoción, un repaso polo que foi no eido persoal e no académico estes anos de estudo no campus de Ourense. Houbo palabras de agradecemento para os compañeiros de clase, para os docentes, para o persoal de administración e servizos e para os familiares e amigos e o desexo compartido de que o futuro depare cousas moi boas a estas novas promocións da Universidade de Vigo. Tamén houbo tempo durante o acto para reivindicar o ensino público, portando varios dos asistentes as camisetas verdes de protesta nas que se reclama o mantemento da escola pública de todos e para todos.