DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A choiva obrigou a suspender os partidos da 3ª xornada da liga de tenis

Os resultados non acompañaron esta fin de semana aos equipos universitarios

O Vigo Rugby Club celebrou, en colaboración coa Comunidade de Montes de Saiáns, o Día das Landras

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 30/04/2018

No que a resultados se refire esta non foi unha boa fin de semana para o deporte universitario vigués. Se o mal tempo obrigou a suspender os partidos da 3ª xornada da liga de tenis, tanto do equipo masculino como do feminino, tampouco os xogadores que se desprazaron ao Campionato de España Universitario 2018 deste mesmo deporte acadaron grandes resultados. Do mesmo xeito, as cousas tamén puideron ir mellor no Nacional de MBTO (Cemtbo2018) e no Campionato Ibérico Feminino (Cifmtbo2018), dúas citas celebradas esta fin de semana na cidade do Lérez e na que participaron 250 ciclistas chegados de toda España e parte de Portugal, entre eles, catro do equipo de Orientación da Universidade de Vigo.

Tenis

O Campionato de España Universitario de Tenis celebrouse nas instalacións deportivas da Universidad Camilo José Cela de Madrid e ata alí se desprazaron os xogadores da Universidade de Vigo, Jaime Muñoz de Cabo, que participou en individual masculino, e a parella formada por David Conde e Manuel Colmeiro, en dobres masculinos. No caso de Muñoz de Cabo foi eliminado en dezaseisavos polo cabeza de serie número 7 da Universidad de Valladolid, e a parella formada por Conde e Colmeiro, caeu fronte aos xogadores da Universidad de Cádiz.

No que respecta á terceira xornada da liga galega non puideron xogar nin o equipo masculino A, quen se enfrontaba ao Tenis Ponteareas, nin o feminino, contra o Tenis Arousa, debido a chuvia. O equipo masculino A atópase agora cun encontro a favor e outro en contra ao perder na segunda xornada fronte ao Tenis Cangas, líder da clasificación.

O equipo masculino B, pola súa banda, logrou a primeira vitoria na competición fronte ao Náutico de Vigo B por 3-4 (xogou como visitante). Tras os partidos de individuais os universitarios atopábanse cun marcador en contra de 3-2, polo que precisaban gañar ambos dobres, algo que finalmente acadaron e que lles dá a opción de xogar a fase de ascenso.

Orientación en bicicleta de montaña

A densa néboa e as fortes choivas marcaron tamén a celebración esta fin de semana en Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis do Campionato de España MTBO 2018, PonteOriBike. Ata alí desprazáronse catro corredores do equipo de Orientación da Universidade de Vigo: Begoña Crespo, José Luis Armada, Patricio Pelaez e Germán Pérez, quen, pese a non acadar podio, si conseguiu meterse entre os cinco primeiros clasificados na carreira de longa distancia.

O rugby amosa a súa cara máis solidaria

No caso do Vigo Rugby Club esta fin de semana o equipo tivo a oportunidade de amosar a súa cara máis solidaria. Fíxoo celebrando o que denominaron Día das Landras, unha xornada na que un cento de nenas e nenos do club, acompañados polos seus adestradores, o equipo directivo do club e os seus propios familiares, tiveron a oportunidade de achegarse aos montes da parroquia viguesa de Saiáns e sementar as landras que recolleran hai uns meses e que gardaron ata chegar o momento oportuno de plantalas.

A actividade, realizada en coordinación coa comunidade de montes de Saiáns, levouse a cabo coa intención de que as e os integrantes deste club puidesen pór o seu pequeno gran de arena tras os devastadores incendios que asolaron Galicia o pasado mes de outubro. “Foi un adestramento distinto que amosou, unha vez máis, a cara máis solidaria deste deporte e no que se tomou conciencia da necesidade de protexer e preservar os nosos bosques, a nosa contorna e os nos tesouros naturais”, salientaron desde o club.