DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo de investigación de Ecoloxía Acuática participa no proxecto europeo REFRESH

Os ríos Pego e Caselas, laboratorios para estudar o impacto do cambio climático nos ecosistemas de auga doce

16 países traballan nun estudo conxunto en ríos e regatos, lagos e humedais

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 10/04/2013
25 centros de investigación e universidades de todo o mundo forman parte dun proxecto pioneiro que trata de avaliar o impacto do cambio climático nos ecosistemas de auga doce poder previr as consecuencias, atallar a situación, elaborar normativas que os protexan. O equipo de investigación de Ecoloxía Acuática, dirixido pola profesora Isabel Pardo é un dos parceiros de Refresh xunto con outros 15 países e a Unión Europea. Deles depende o traballo de campo nos ríos Caselas e Pego, os dous elixidos en Galicia, que xunto con outros dous en Cataluña, conforman a mostraxe en España. O traballo divídese en tres grupos segundo se ocupen de ríos e arroios, lagos e presas ou humedais, participando a Universidade de Vigo no primeiro e no último deles.

Liliana García é unha das investigadores que participa neste proxecto e explica que os ecosistemas naturais atópanse “baixo estrés debido a actividades antropoxénicas, pero na actualidade están a enfrontar unha presión adicional debido ao cambio climático, o que implica unha grande ameaza para a sociedade humana”. No tocante a ecosistemas de auga doce,indica que estes impactos “ameazan o equilibrio, a dispoñibilidade de auga e en xeral os bens e servizos que proporcionan á sociedade”.

Co traballo de campo rematado xa en todos os países, na actualidade os científicos están a procesar todas as mostras recollidas durante o experimento e comezando a interpretar os resultados acadados. A fins deste mes está prevista unha xuntanza en Turquía, onde os diferentes grupos colaboradores poderán discutir os resultados atopados ata o momento, e agardan contar con resultados definitivos dentro aproximadamente dun ano.

Ademais de España participan Reino Unido, Dinamarca, Finlandia, Alemaña, Holanda, Suecia, Turquía, Austria, República Checa, Estonia, Grecia, Francia, Noruega, Canadá, Australia e a Unión Europea. Os centros colaboradores en España son a Universidade de Barcelona, co CSIC de Blanes e a propia Universidade de Vigo, que traballa nesta zona o Baixo Miño.

Obxectivos e traballo de campo

A finalidade principal do REFRESH, iniciativa que se tornou realidade en febreiro de 2010, é entender os efectos do cambio climático sobre os ecosistemas acuáticos e deseñar programas de restauración que permitan minimizar as consecuencias adversas que provoca sobre a cantidade e calidade da auga doce e sobre a súa biodiversidade. Por iso, de partida o proxecto contempla tres presións principais que afectan a estas zonas e que interaccionan entre si e co clima: o aumento da temperatura; os cambios no nivel e réximes de auga e o exceso de nutrientes.

Nos ríos elixidos en cada un dos países o traballo experimental fixo preciso establecer unha barreira física que dividise o río en dous tramos. Como apunta Liliana García, cunha zona de control de aproximadamente 50 metros que estaba situada augas arriba das barreiras, e outra zona de impacto doutros 50 metros, que se corresponde co tramo dividido polas barreiras. “Para iso construíronse barreiras transversais e lonxitudinais a modo de presa que permitiron represar e excluír a auga soamente na zona de impacto e simular así un período de estiaxe aproveitando os meses con menor precipitación”. O traballo de campo desenvolveuse ao longo de 10 semanas e consistiu en dúas parte ben diferenciadas, por unha banda medicións continuas de diferentes parámetros físico-químicos e hidromorfolóxicos como a temperatura da auga e do aire, a concentración de osíxeno, o caudal e nivel da táboa de auga, etc”. Por outra banda realizáronse mostreos a intervalos, semanais e bisemanais, doutros componentes como substrato, macrofauna, fitoplancton, macrófitas e a vexetación de ribeira.