DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro celebrou este luns unha xornada de portas abertas

Os seus futuros usuarios poñen a proba a escola infantil

O día 20 de xullo ábrese o segundo prazo para solicitar unha praza na gardería universitaria

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 16/07/2012

En setembro a escola infantil do campus de Ourense abrirá por primeira vez as súas portas. Sen embargo, os seus futuros usuarios e os pais e nais de Ourense interesados neste sevizo puideron este luns coñecer in situ as súas instalacións. O día 20 de xullo ábrese o segundo prazo para solicitar unha praza na gardería, onde quedan vacantes 14 prazas destinadas tanto a nenos e nenas da comunidade universitaria coma de residentes ou traballadores da cidade. As primeiras impresións, para os máis pequenos e para os seus proxenitores, foron moi positivas, especialmente polo deseño do edificio e das salas e polo acondicionamento dos seus espazos.

“O obxectivo desta xornadas de portas abertas da escola é dar a coñecer as súas novas instalacións e os servizos que ofrece para toda a cidadanía, xa que non son de uso exclusivo da comunidade universitaria senón de todos os ourensáns”, salientou María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, durante a visita ao centro, un edificio que destaca polo seu deseño actual e pola súa integración na contorna do Parque Medioambiental. Precisamente o seu deseño exterior e interior e a súa ubicación foron dous dos factores máis valorados polos primeiros pais e nais que se achegaron a coñecer o local. Para os máis pequenos, o máis atractivo como é lóxico foron os tobogáns interiores e os xogos que xa se poden gozar polas diferentes salas da escola. O centro, de xestión privada, estará dirixido por Bibiana González.

Prezos e servizos

Segundo salientou Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus, o local dispón en total de 41 prazas: oito para nenos menores dun ano, trece para nenos de un a dous anos e 20 prazas para rapaces de dous a tres anos de idade. O número de prazas é o que establece a normativa da Xunta de Galicia en función da superficie das aulas, polo que as vacantes que se poidan producir en calquera dos grupos de idade dará lugar ao incremento correlativo do número de prazas noutro. No primeiro prazo presentáronse 27 solicitudes tanto de membros da comunidade universitaria coma de fóra dela. “A partir do 20 de xullo ábrese un segundo prazo que xa permanecerá aberto durante todo o curso para ocupar algunha das prazas vacantes”, apuntou Vaquero.

O centro funcionará durante once meses ao ano, de setembro a xullo, ambos incluídos, cun horario de luns a venres de mañá e tarde e con servizo de comedor, xa que a escola conta cunha cociña. Os prezos variarán en función dos servizos contratados e de se trata de membros da Universidade ou de fóra dela, incluíndo neste último grupo aos familiares dos membros da comunidade universitaria. De xeito orientativo, para o primeiro grupo os prezos serán de 73,7 euros por matrícula e mensualmente 98,27 euros por escolaridade completa, 79,31 euros por media xornada e 69,49 euros se contrata o servizo de comedor. Para os demais usuarios o custe ascenderá a 110,6 euros de matrícula, 147,4 euros por escolaridade completa, 119 por media xornada e 104,2 euros por servizo de comedor.