DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta rede está composta por máis de 120 investigadores de 42 países

Os socios do proxecto G-Bike analizan en Vigo o papel da hibridación sobre a biodiversidade, a conservación e os ecosistemas

Nunha xuntanza que se celebra esta semana na Facultade de Bioloxía

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 25/04/2023

Investigadores de 18 países participan entre hoxe martes e mañá mércores no campus de Vigo nun workshop sobre o papel da hibridación na natureza. Esta xuntanza enmárcase dentro do proxecto G-Bike, unha rede internacional composta por máis de 120 investigadores de 42 países, que ten como obxectivo avanzar no coñecemento e no desenvolvemento de métodos e ferramentas para avaliar, monitorizar e xestionar a diversidade xenética coa finalidade de preservar a resiliencia e o potencial adaptativo das especies, tanto en poboacións naturais como naquelas que están en catividade.

Este proxecto arrancou en 2019 e rematará no próximo outono, no marco da acción COST (European Cooperation in Science and Technology), que busca fomentar a interacción entre o persoal investigador, establecendo colaboracións e organizando xuntanzas como a desta semana en Vigo e financiando estadías de investigación noutros laboratorios. A Universidade de Vigo está representada en G-Bike polo Grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética do CIM-UVigo, en concreto, polos científicos Armando Caballero, Paloma Morán, Emilio Rolán-Alvarez, Ángel Pérez Diz e Juan Galindo. Este último explica que “na actualidade existe un grande interese por parte das e dos investigadores pola resiliencia dos ecosistemas”, algo que se debe, segundo apunta, aos cambios rápidos que están sufrindo os ecosistemas polos efectos antropoxénicos, tanto directos (como a contaminación ou a perda de hábitats) como indirectos (como o cambio climático ou a acidificación oceánica). Como relata o científico, “un ecosistema resiliente require da capacidade adaptativa das especies que o compoñen aos cambios que se producen, principalmente ambientais. A diversidade a nivel xenómico dunha especie ou poboación é fundamental dende o punto de vista da súa conservación, tanto dende unha perspectiva adaptativa como dos efectos negativos que pode implicar a perda de diversidade xenética”. 

Un labor urxente por mor do cambio climático

Aínda que se poden obter datos xenéticos para a maioría dos organismos, cómpre avanzar cara unha estandarización dos protocolos para detectar e monitorizar a diversidade xenética das especies e o seu potencial de adaptación. É neste contexto no que traballa G-BiKE, co obxectivo de axudar aos científicos e profesionais de toda a UE e, en particular, nos países obxectivo de inclusión da acción COST, “a integrar o coñecemento xenético e evolutivo nas políticas de planificación da conservación e a promover a xestión transfronteiriza e os programas de seguimento a longo prazo do potencial evolutivo para garantir a persistencia de poboacións e especies e, en última instancia, o subministro continuo de servizos ecosistémicos baseados na natureza”. Tendo en conta os impactos drásticos do cambio climático durante as próximas décadas, recalcan os seus promotores, “G-BiKE é especialmente urxente”. 

Entre os obxectivos de traballo marcados para desenvolver ao longo dos tres anos do proxecto está transmitir “de maneira clara” aos xestores como a diversidade xenética pode apoiar os ecosistemas; desenvolver e probar protocolos de boas prácticas para monitorizar a diversidade xenética no tempo e no espazo; proporcionar un foro en liña sobre ferramentas emerxentes; conectar a todas as partes interesadas a través de redes e oportunidades de capacitación; construír unha rede de laboratorios de xenética da conservación e asentar unha base para un impacto a longo prazo. 

Dous días para afondar nos beneficios e nas ameazas da hibridación

No evento que se está a celebrar na Facultade de Bioloxía esta semana baixo o título Hybridization: diversity, conservation and ecosystem services participan 38 investigadores de G-BIKE, tanto en formato presencial como remoto, procedentes de Albania, Alemaña, Austria, Bélxica, Bosnia Herzegovina, Bulgaria, Dinamarca, Eslovenia, Francia, Grecia, Noruega, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido, Serbia, Suíza, Turquía e España. 

O seu obxectivo é poñer en perspectiva os beneficios e as ameazas que poden provocar procesos de hibridación, tanto dentro de especies como entre especies, sendo estes últimos cada vez máis comúns. “Os híbridos, individuos descendentes da reprodución entre dúas especies, subespecies ou poboacións diferenciadas xeneticamente (como diferentes stocks de peixes ou variedades de plantas) representan na maioría dos casos serias ameazas para os ecosistemas e, polo tanto, para a conservación da biodiversidade e dos servizos ecosistémicos”, salientan. Unha gran parte destes procesos de hibridación están directamente relacionados co efecto do home, como pode ser a hibridación entre xabarís e porcos domésticos, puntualizan os investigadores, “pero outros procesos de hibridación están relacionados co cambio climático que afecta á distribución das especies” facendo que especies, subespecies ou stocks que non estaban en contacto pasen a estalo e poidan chegar a hibridar”. Porén, a hibridación tamén pode ter efectos beneficiosos, como no caso da introgresión adaptativa que, como explican os científicos, consiste en que unha especie adquire un carácter adaptativo, como podería ser a resistencia á seca,  mediante a hibridación con outra especie. Ademais, engaden, a hibridación mesmo se pode empregar no “rescate xenético”, cando unha especie en perigo de extinción se hibrida con outra poboación ou especie próxima para incrementar a variación xenética da especie ameazada. 

Ao longo destas dúas xornadas, as e os participantes neste simposio discutirán todos estes aspectos relacionados coa hibridación e elaborarán un artigo de revisión que os integre e que facilite aos xestores da natureza a toma de decisións. Por parte da UVigo intervirán nestas sesións Juan Galindo, Paloma Morán e Ángel Pérez Diz, que abordarán aspectos relacionados cos procesos de hibridación en gasterópodos mariños, salmónidos e mexillón, respectivamente.