DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Portugués Perto continuou estes martes cun obradoiro de percusión e cun concerto de Fran Pérez Narf

Os sons da lusofonía poñen o ritmo no campus

O mércores e xoves será a quenda de Aline Frazao,Terra Morena e Os Andarilhos

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 08/05/2012

Música para traballar, para namorar, para criticar, para divertirse, para expresarse. A música é unha forte canle de comunicación en calquera pobo e no caso dos países lusófonos un vínculo máis de unión cultural. A segunda edición de Portugués Perto, organizada pola Vicerreitoría do campus de Ourense para estreitar os lazos dos países galego e luso falantes, afondou este martes nesta arte a través dun obradoiro de percusión brasileira e galega e dun concerto de Fran Pérez Narf no que ofreceu as súas particulares Cancións da lingua viaxeira.

A actividade comezou este martes no campus de Ourense co taller sobre percusión a cargo dos músicos Sérgio Tannus, de Brasil, e Sandra Diéguez, de Galicia. Como bo coñecedor da música tradicional nos dous países, Sérgio Tannus escolleu, para amosar aos asistentes, un feixe de ritmos representativos de Brasil, como a samba, o forró ou a bossa nova. “A idea é achegarnos a algúns dos principais ritmos brasileiros e ver como se correlacionan os instrumentos coas harmonías”, salientou o creador. Pola súa banda, Sandra Diéguez foi a encargada de facer un pequeno percorrido polos instrumentos galegos, desde a pandeireta e o pandeiro ata o sacho e a lata de pementón.

A pandereiteira e profesora de folclore da Asociación Cultural Traspés salientou a importancia de que se coñezan os ritmos, os instrumentos e o folclore galego e destacou o enriquecedor que resultan iniciativas coma a deste obradoiro, que permiten un achegamento entre diferentes culturais musicais. Unha opinión compartida por Tannus, que fixo fincapé no feito de que entre as músicas tradicionais dos dous países existen moitas similitudes, como quedou patente na parte final do taller, onde improvisaron pezas nas que os ritmos das dúas culturas confluían. “A música debe servir para unir aos pobos e en Portugués Perto así queda patente”, destacou María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense antes do comezo do taller.

Cancións e concertos

Tras este obradoiro, Fran Pérez Narf ofreceu unha actuación baixo o título Cancións da lingua viaxeira. “Este concerto é como un diario de viaxe vital e musical a través de diferentes países, principalmente con Portugal e con países da África lusófona, e a través da lingua e a música”, explicou Narf antes do concerto. Deste xeito, o músico ofreceu un concerto no que se mesturaban cancións de diferentes linguas e culturas, desde a galega ata a de Mozambique. Esta viaxe, salientou, permitiu, alén desta ampliación cultural, unha renovada ollada sobre a súa produción propia.

Tras a actuación o luns do monologuista Carlos Blanco e as actividades celebradas o martes, Portugués Perto e o achegamento musical á lusofonía continuará o mércores cun obradoiro titulado Cacimbo e impartido pola artista Aline Frazao, de Angola. Nel, Frazao fará cos asistentes un achegamento audiovisual aos países da África lusófona a través da lingua, para amosar como a conversa entre os pobos da comunidade lusófona é posible. Ese mesmo día a actividade continuará no campus ás 20.30 cun concerto titulado Cantam Zaca Afonso, do recentemente creado grupo ourensán Terra Morena. Por último, o xoves, a segunda edición de Portugués Perto chegará ao seu fin co concerto Caminho Velho do grupo portugués Os Andarilhos. Todas as actividades, tanto os concertos coma os obradoiros, son de balde e abertas ao público interesado ata completar aforo.