DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As sesións inícianse este xoves coa presenza da especialista Silvia Parra

Os tradutores revisan nun ciclo de relatorios os conceptos de calidade e tradución editorial

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 19/10/2009

Baixo o título Equipo Calitrad_calidade e tradución editorial, a Facultade de Filoloxía e Tradución está a piques de iniciar un ciclo de conferencias, dirixidas tanto a estudantes como a docentes do centro, no que se afondará polo miúdo na vinculación existente entre a tradución e outras tarefas propias da profesión como as de revisión, corrección e edición.
Organizado pola profesora do Departamento de Tradución, Liliana Valado, o ciclo traerá a Vigo a “dúas das maiores expertas a nivel internacional neste eido”, segundo salienta Valado. A primeira en achegarse á facultade será a profesora da Universidad de Granada, Silvia Parra, que centrará a súa intervención en temas de didáctica da tradución editorial e, a ela tomaralle o relevo a tradutora alemá Christiane Nord, “unha especialista de sobra coñecida polos nosos estudantes, xa que é habitual en todos os manuais”, subliña Valado.
Estas expertas compartiran espazo coa propia Liliana Valado e as tamén docentes do departamento, Ana Luna e Patricia Buxán, quenes tratarán de desvelar que se entende por calidade na tradución e revisarán tanto o proceso didáctico da tradución editada como os postulados refereidos á revisión e a corrección de traducións editoriais e as diferentes ferramentas dispoñibles para levar a cabo estas tarefas.

Posta en marcha dun novo grupo de investigación

A idea de pór en marcha esta iniciativa xurdiu da propia tese de doutoramento da profesora Liliana Valado, “que en boa medida estivo centrada en parte destes conceptos” e servirá de toma de contacto para un proxecto futuro, “a creación dun grupo de investigación específico e permanente centrado nestas cuestión”, salienta a docente.
O ciclo, que se desenvolverá no salón de actos da facultade e polo que se entregará un diploma de asistencia, ten programadas tres xornadas que se levarán a cabo os xoves 22 e 29 de outubro e 5 de novembro, con dúas sesións en cada xornada: unha matutina ás 11.00 horas e, a segunda ás 17 horas.