DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A tese de Alejandra Larrañaga analiza a evolución e resposta ao tratamento destes pacientes

Os trastornos de conduta alimentaria preséntanse principalmente na segunda e terceira décadas da vida

Un estudo pioneiro en España que inclúe ambos sexos e un amplo rango de idade

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 22/02/2011

Trastornos alimentarios como anorexia e bulimia están comunmente asociados á adolescencia, a rapazas novas que sofren trastornos da conduta alimentaria, pero os estudos reflicten unha realidade lixeiramente diferente, cunha maior incidencia no rango de idade entre os 15 e 34 anos. Estes datos son resultado do estudo realizado por Alejandra Larrañaga na súa tese de doutoramento, na que determinou por primeira vez en Galicia e en España a incidencia acumulada de trastornos de conduta alimentaria (TCA) nun estudo poboacional de ambos sexos e nun rango amplo de idade.

A investigación confirma a hipótese, segundo Larrañaga, “de que a maior incidencia de TCA afecta maioritariamente á segunda e terceira décadas da vida” aínda que si existe unha maior incidencia entre os 25 e 34 anos, con 5,2 casos por 100.000 persoas/ano, mentres que no rango de 15 a 24, o dato é de 4,4 casos.

No que se refire á diferenza por sexos, a incidencia acumulada de TCA en mulleres é de 26 casos por 100.000 habitantes/ano mentres que en varóns e de 1,5 casos, un dato que para a investigadora é “estatisticamente significativo”. Precisamente sobre a posibilidade de que a incidencia destas enfermidades aumente entre os homes, a autora explica que “o presente traballo servirá como datos de referencia para que futuros estudos poidan determinar as variacións da frecuencia destas anomalías na nosa poboación”. No caso dos varóns, a investigadora explica que “vimos casos de varóns que padecían principalmente anorexia nerviosa e trastornos de conduta alimentaria non especificados”.

Este estudo realizouse na Unidade de Trastornos da Conduta Alimentaria do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), na que Larrañaga exerce de psicóloga e con Ricardo García-Mayor, xefe de Endocrinoloxía e Nutrición, como director da tese.

Altas porcentaxes de curación

O obxectivo deste estudo é determinar as características epidemiolóxicas dos TCA e as súas formas clínicas de anorexia nerviosa e bulimia nerviosa e trastornos da conduta alimentaria non especificados en Galicia. Ademais tratábase de analizar a resposta ao tratamento dos pacientes con este tipo de enfermidades. Para iso, o traballo dividiuse en dous subestudos, “un epidemiolóxico de carácter observacional, prospectivo e descritivo e outro que é clínico, de carácter prospectivo de intervención terapéutica.

Os resultados globais do estudo falan dunha prevalencia de TCA de 82,8 casos por 100.000 habitantes, sen 18,6 casos de anorexia nerviosa; 25,7 de bulimia nerviosa e os restantes 38,3 de trastornos da conduta alimentaria non especificados. Atendendo á diferenza por sexos, a prevalencia de TCA en mulleres é de 151,5 casos e 8,4 en varóns por cada 100.000 persoas.

O estudo afonda tamén nos datos de evolución dos pacientes con estes trastornos e amosa uns datos que falan dunha porcentaxe de curación do 39,2%, de recuperación parcial do 53,5% e de cronificación do 7,1%, sendo o índice de mortandade de 0. Neste proceso de mellora, o tempo tamén foi unha variables estudada. Segundo apunta a doutora Larrañaga, “o tempo medio de curación nos tres grupos (anorexia, bulimia e trastornos non especificados) foi de entre 17,6 meses no primeiro caso; entre 24,8 para o segundo grupo e entre 17,7 no último”, destacando unha tendencia a un maior tempo de recuperación no caso das persoas con bulimia nerviosa.

Segundo explica a doutora Larrañaga, “con psicoterapia cognitivo-conductual e soporte nutricional, observamos unha alta taxa de curación independientemente da forma clínica”. A idade de comezo da enfermidade e o tratamento farmacolóxico son as variables preditoras da curación, xa que “canto máis novas son as persoas con anorexia máis posibilidades teñen de superar este trastorno alimenticio”.