DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aparellos do grupo de Aerobioloxía rexistran continuamente a súa presenza na atmosfera de Ourense

Os 'vixías' do pole confirman o bo ano para os alérxicos

En contra da tendencia dos últimos vinte anos, os niveis de gramíneas descenderon

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 07/07/2011
Desde o tellado do Edificio Politécnico do campus de Ourense hai unhas excelentes vistas sobre toda a cidade. Alén da súa beleza, esta posición estratéxica convérteo no lugar idóneo para que o grupo de investigación en Aerobioloxía da Universidade de Vigo sitúe os seus aparellos, que 24 horas ao día rexistran e vixían a concentración de pole na cidade. Un traballo minucioso que durante case dúas décadas vén constatando o incremento paulatino de pole na atmosfera e que este ano confirma a ruptura desa tendencia e o descenso dos niveis de gramíneas que provocan as alerxias, probablemente debido ás altas temperaturas e á falta de choiva.

O grupo de investigación en Aerobioloxía da Universidade de Vigo está formado por Mª Victoria Jato, Francisco Javier Rodríguez Rajo, Isabel Iglesias, Carmen Seijo, Olga Escuredo, María Fernández, Alberto Vara e Mercedes Tomiño, contando ademais coa participación da investigadora da Universidade de Santiago María Jesús Aira. Eles son os encargados de estudar os organismos vivos do aire, a presenza de grans de pole e esporas de fungos que hai na atmosfera. Para facelo, contan con aparellos de recollida de mostras ubicados no campus de Ourense, no Concello de Vigo, na Universidade de Santiago de Compostela e no Parque de Bombeiros de Lugo.

Dous tipos de dispositivos

Segundo explica Rodríguez Rajo, no campus de Ourense están situados dous tipos de aparellos principais, moi similares aos das demais estacións. “O primeiro deles funciona como un pulmón que aspira 10 litros de aire ao minuto que son pasados por unha cinta que está permanentemente xirando e na que quedan adheridos os grans de pole que hai no aire”, destaca o investigador. O rolo de cinta, xa coas pegadas de pole en orde cronolóxica, é retirado semanalmente polos investigadores e analizado nos laboratorios da Facultade de Ciencias de Ourense.

O segundo tipo de aparellos é de recente incorporación e dá un paso máis adiante, centrándose non no gran senón na proteína do gran de pole, que é a última causante das alerxias. Nuns tubos eppenderf, o dispositivo captura periodicamente o contido do aire mediante movementos ciclónicos e posteriormente somete a mostra resultante aos procesos bioquímicos necesarios para estudar as proteínas existentes.

Dúas décadas de traballo

“Levamos acumulados case 20 anos de datos, desde 1993 e, salvo este ano, houbo unha tendencia xeral a aumentar as concentracións de pole a medida que pasou o tempo”, apunta Francisco Javier Rodríguez Rajo. Aínda que a elaboración de hipóteses que expliquen estes compartamentos xa non entra dentro do ámbito de estudo do seu grupo de investigación, salienta que entre as posibles causas para o incremento de pole durante as dúas décadas pode estar o aumento da masa de vexetación. Para o descenso deste ano, apunta, as posibles causas poden estar nas altas temperaturas vividas este verán, que murcharon as gramíneas antes de tempo, e a falta de choiva en abril e maio, que lle impediron florecer axeitadamente.

“Foi un bo ano para os que somos alérxicos. Outro ano agora estaríamos rematando a época de máxima incidencia e sen embargo nesta ocasión tivemos unhas concentracións baixas para o que vén sendo habitual nos últimos anos. Se outros ano, por exemplo no meu caso, precisaba sete antiestamínicos para pasar esta época, esta vez só me fixeron falta un par deles”, comenta o investigador.