DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este 11 de abril comeza a nova edición da man de Elena Fabeiro, do Centro Galego de Artesanía e Dese

Os Xoves de Moda explorarán o mercado do luxo como alternativa en tempos de crise

Entre os convidados están Roberto Verino e María Barros

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
M. Del Río DUVI 10/04/2013
Nun contexto de crise, o mercado do luxo mantense firme e mesmo crece. Por iso, algúns sectores como a moda ou o deseño pousan a súa mirada neste sector buscan manter as vendas e non sucumbir á situación económica negativa. Este, precisamente, vai ser un dos temas que se traten na nova edición dos Xoves de Moda que arrancan mañá xoves na Facultade de Belas Artes. Coordinadas por Lola Dopico, directora da Escola Superior en Deseño Téxtil e Moda de Galiza, as xornadas alongaranse durante cinco semanas, nas diversos deseñadores e creadores achegarán aos estudantes a realidade das súas empresas, a súa experiencia empresarial e os seus consellos para os futuros profesionais da moda. De feito, o emprendemento e autoemprego serán un dos puntos fortes das conferencias e dos debates “como corazón e ADN do deseño”, explican dende a organización.

Os cinco convidados, entre os que se atopan Roberto Verino e María Barros, vertebrarán unhas xornadas que, baixo o título Deseñar o cambio. A función da moda, afondarán nas mudanzas que se están a dar neste cambio de ciclo marcado pola crise económica. A artesanía, o manual de alta calidade, a narrativa identitaria detrás de cada obxecto, de cada produto está sendo o campo de xogo da comunicación das marcas. “Pensar a moda hoxe supón emprender e conceptualizar o proxecto de marca en función de múltiples conexións co social, os medios de comunicación, as redes sociais e tamén condicionantes produtivos así como éticos que nos conectan necesariamente coa mirada cara a un enraizamento local para poder construír un deseño globalmente competitivo”, destacan os organizadores.

Da artesanía á moda

Elena Fabeiro, xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, será a primeira convidada dos Xoves de Moda 2013. A súa intervención terá lugar este xoves 11 de abril ás 19.00 horas na Facultade de Belas Artes. Fabeiro ten unha ampla experiencia profesional na xestión cultural, especialmente no eido da arte contemporánea.

A segunda convidada, o 18 de abril, será María Barros, deseñadora de moda que ten traballado con destacados nomes deste campo como Modesto Lomba ou Roberto Cavalli para crear a súa propia firma en 2003. Elixida pola revista Capital como unha das 100 mozas máis prometedoras de España, o seu traballo vai máis aló da moda e fai incursións tamén na publicidade ou no deseño de mobiliario.

A arquitecta e directora do Máster en Retail Desing, da Escuela Superior de Diseño e Ingeniería de Barcelona, Elisava, Carmen Malvar, achegará o 25 de abril a súa visión e experiencia tras colaborar no deseño de tendas de Zara ou Mango a nivel internacional. Conta co seu propio estudo en Tribeca, Nova York e colabora na New York’s fashion Week e no seu currículo inclúe colaboracións con Camper na súa expansión a EEUU e con proxectos de Mango.

Xa en maio, o día 9, será a quenda do deseñador galego Roberto Verino, con máis de 25 anos de experiencia e premios ás súas costas. Con 50 tendas por todo o planeta, Verino achegará aos alumnos a súa visión como empresario e deseñador e o seu punto de vista de como a moda pode facer fronte á crise económica.

Finalmente, o 16 de maio pechará esta edición Paula Núñez, creadora de La casita del palomar, unha marca para nenos ata 14 anos que representa un aproveitamento das oportunidades e amosa como Núñez foi quen de trasladar as súas inquedanzas a unha marca e a súa innovación e creatividade a unha empresa.