DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cada semana dende hoxe xoves ata o 28 de abril

Os xoves, tai chi de balde en Outariz

A iniciativa quere achegar a práctica deste deporte á comunidade universitaria

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 31/03/2011
A presión dos exames, o estrés docente, a carga de traballo investigadora... Estudar ou traballar na universidade conleva un grao de esixencia fronte ao que non está demais coñecer técnicas de relaxación, meditación e benestar. Conscientes desta situación, o Servizo do Deportes do campus de Ourense e as Termas de Outariz ofrecerán varios días sesións gratuítas de tai chi aos membros da comunidade universitaria que se queiran apuntar.

As sesións celebraranse cada xoves durante un mes, o que corresponde aos días 31 de marzo e 7, 14 e 28 de abril. Será nas propias Termas de Outariz, en horario de 16.00 a 17.00 horas. Un monitor introducirá aos participantes nas técnicas desta arte marcial, unha das máis practicadas no mundo como unha forma de ximnasia, de desenvolvemento da personalidade e de meditación. Para completar unha tarde de relax, os asistentes poderán gozar das Termas a un prezo especial.

Con esta iniciativa, o Servizo de Deportes quere contribuír a difundir a cultura do deporte entre a comunidade universitaria e a fomentar a súa práctica como unha forma de mellorar o benestar persoal. Neste caso a fórmula elixida é o Tai Chi, que xa está presente na programación deportiva do campus a través do programa Escolas Deportivas, que permite aos inscritos practicar varios días á semana e durante un ou dous cuadrimestres este e outros moitos deportes.

Os organizadores da iniciativa agardan que en cada sesión participen arredor dunhas 20 ou 30 persoas, tanto universitarios e docentes como investigadores e traballadores da Universidade. Os interesados en inscribirse nas sesións gratuítas de tai chi deben facelo ata o mércores previo a cada sesión no Servizo de Deportes do campus, nos teléfono 988 387 198 ou no enderezo electrónico depor-ou@uvigo.es