DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso sobre a imbricación entre medio ambiente, economía e poboación vulnerable

Os xuristas afondarán na relación entre contorna e desenvolvemento

A Facultade de Dereito tamén acolle os días 5 e 12 de marzo un ciclo de conferencias sobre temas de

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 02/03/2012

O desenvolvemento económico e as súas consecuencias no medio ambiente e en determinados colectivos pode analizarse desde múltiples perspectivas, entre elas a do Dereito. Ese será o obxectivo do Curso sobre Dereito a un Medio Ambiente Axeitado, Desenvolvemento Urbanístico e Económico e Protección dos Sectores Vulnerables que acollerá o campus de Ourense do 15 ao 30 de marzo. Destacados expertos do ámbito académico e profesional ofrecerán nesta cita unha visión multidisciplinar sobre a relación entre a protección do medio e o desenvolvemento económico e afondarán na situación xurídica de colectivos sensibles como as persoas maiores, os menores e os inmigrantes.

Este curso é a primeira actividade desenvolta dentro do proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Economía e Competividade Desenvolvemento rural en territorios insulares e costeiros. Especial referencia aos países en vías de desenvolvemento e á promoción de sectores da poboación vulnerables, no que participan dez profesores doutores das universidades de Vigo, A Coruña, Murcia e As Palmas coordinados por Roberto O. Bustillo, docente do campus de Ourense.

Os académicos, profesionais do ámbito xurídico e políticos participantes abordarán en Ourense temas como a protección do patrimonio, o urbanismo na costa e no rural, a contaminación acústica e o turismo sostible. “Polo seus contidos trátase dun curso académico-profesionalizante, dirixido tanto ao alumnado como a profesionais dos sectores afectados”, explica o coordinador da iniciativa, que se celebrará os días 15, 16, 22, 23, 29 e 30 de marzo con financiamento da Concellería de Medio Ambiente de Ourense, da Fundación Carlos Casares, do Programa HURI-AGE Consolider Ingenio 2010 e coa colaboraicón da Vicerreitoría do campus de Ourense, a Facultade de Dereito e a Asociación Estudantil Cuco.

Ciclo de conferencias

Ademais de acoller este curso, a Facultade de Dereito do campus de Ourense tamén organiza os días 5 e 12 de marzo un Ciclo de Conferencias no que destacados expertos do ámbito académico e profesional afondarán en cuestións de actualidade. Entre os temas a tratar estarán os axustes de plantilla, a arbitraxe en Dereito Administrativo, a crise da Unión Europea, a protección xurídica dos pasaxeiros no transporte aéreo, o funcionamiento dos tribunais economico-administrativos, o poder de acusar do Ministerio Fiscal e o mestrado da abogacía.

Para afondar nestes temas participarán José María Casas, inspector-xefe de Traballo e da Seguridade Social en Pontevedra; Marta García, profesora da Universidade da Coruña; Antonio Carlos Pereira, da Universidade de Santiago de Compostela; Victoria Petit, directora do Centro de Dereito do Transporte Internacional; Pedro Ibáñez, presidente do Tribunal Economico- Administrativo Rexional de Galicia; Juan Carlos Aladro, fiscal-xefe provincial de Pontevedra, e Marcos Vázquez, director da Escola de Práctica Xurídica Pérez Ávila de Ourense.