DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comezan no campus de Ourense as Xornadas sobre Crise e Dereito

Os xuristas reclaman unha saída sustentable á crise económica

Expertos do eido académico e profesional analizarán durante seis sesións aspectos como a contratació

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 21/03/2012

A saída da crise non é un reto só económico e de efectos inmediatos. É un problema no que están involucrados todos os sectores socioeconómicos e nos que debe primar buscar unha solución sustentable a longo prazo. Con esta idea de fondo e centrados no seu ámbito de traballo, o Dereito, este mércores deron comezo no campus de Ourense unhas Xornadas sobre Crise e Dereito. Durante seis días de traballo, destacados expertos do eido académico e profesional afondarán na influencia de temas como a contratación pública na ruptura da actual situación económica.

As xornadas, organizadas polo Grupo de Investigación Xurídica AGAF da Universidade de Vigo, foron inauguradas por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense; Mercedes Suárez, decana da Facultade de Ciencias da Educación, e Rafael Fernández Acevedo e Guillermo Suárez, directores das xornadas xunto a Patricia Valcárcel. “Todas as persoas temos un papel activo e somos copartícipes do cambio necesario para saír da crise. Desta situación sáese dun xeito activo, non pasivo”, advertiu María Lameiras ao preto de 50 alumnos asistentes á inauguración no Edificio de Ferro. Do mesmo xeito, o alcalde ourensán salientou que para atopar buscar solucións á crise é “necesario fomentar o coñecemento, a información e o compromiso de todos”, polo que felicitou aos organizadores das xornadas pola súa aposta por unha análise da situación económica a través dun panel de destacados xuristas e académicos.

Citando ao escritor Miguel Delibes, Rafael Fernández Acevedo engadiu que o verdadeiro progresismo non estriba nun desenvolvemento ilimitado e competitivo, nin no deslpifarro ou a destrución da natureza, senón na racionalización de recursos, nos valores humanos e nunhas relación home-natureza en concordia. Deste xeito, o docente reivindicou “unha saída á crise de xeito sustentable e transversal, indo máis aló da economía” e chegando a todas as áreas, entre elas o Dereito.

A clave da contratación pública

Pola súa banda, o docente Guillermo Suárez destacou o interese destas xornadas por prantexar o debate e a reflexión sobre “o papel de panca creadora de emprego e riqueza que pode xogar a administración pública a través da contratación”. Neste senso, o docente advertiu que esta é a vía empregada por USA e Reino Unido para superar a situación económica actual pero non a de Europa, que optou por outra filosofía económica. “Agardemos que cando menos a saída sexa cara unha nova economía que protexa o medio ambiente e que teña outros valores”, engadiu.

Para falar precisamente de contratación pública a sesión deste mércores correu a cargo de Elena Barba, secretaria xeral da xunta consultiva de contratación administrativa da Xunta de Galicia, e de Ximena Lazo, docente da Universidade de Alcalá de Henares. Elas foron as encargadas de falar dos retos da contratación pública na actualidade, facendo especial fincapé no eido do transporte.

As xornadas continuarán o día 28 de marzo cunha conferencia sobre o marco penal da protección do medio ambiente a cargo do catedrático Miguel Díaz. Xa en abril, os días 11, 18 e 25 celebraranse sesións nas que se seguirá a afondar nos retos da contratación pública e no hermetismo e falta de transparencia da linguaxe xurídica, con intervencións dos expertos Rafael Caballer, Milagros Otero e Francisco Torres, alén dos coordinadoras das xornadas. Para rematar, o 9 de maio celebrarase unha mesa sobre Modernidade líquida e (in)certeza do Dereito, a cargo do catedrático Pedro Senra.