DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes de CC da Educación e do Deporte crearon obras inspiradas nos seus compañeiros

Pór os zapatos doutra persoa para crear desde a empatía

Rut Martínez coordina a mostra que pode verse na Casa das Campás

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 23/05/2018

Reflexionar sobre a importancia da empatía, “facer pensar sobre a nosa relación cos outros” constituía o propósito central do proxecto Ponte los zapatos del otro, que a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Rut Martínez levou a cabo con 14 estudantes deste centro, que crearon unha serie de obras inspiradas nos seus compañeiros e compañeiras, obras que lles levaron a “pór os zapatos de outro”. O resultado final deste proceso de “aprendizaxe colaborativo” son un conxunto de obras que se exhiben deste esta semana na Casa das Campás, marcadas todas elas pola presenza deses zapatos que serviron como denominador común dunha iniciativa que busca enxalzar, como engade esta docente, o potencial da arte “como mediador do coñecemento cultural e do coñecemento do outro”.

Ata o 31 de maio poderá visitarse na Casa das Campás unha exposición que se insire no proxecto internacional Enredadas, impulsado pola docente da Universidad Autónoma de Madrid Ángeles Saura e coordinado a nivel internacional pola artista Katia Pangrazi. Un proxecto que, co apoio da Sociedade Internacional para a Educación a través da Arte (InSEA) promove un chamamento á realización en diferentes partes do mundo dunha serie de exposicións coincidindo coa Semana Internacional de Educación Artística da Unesco. Un chamamento que neste 2018 tiña como eixo a arte e a inclusión social, o que levou a esta docente da Área de Didáctica da Expresión Plástica a promover unha iniciativa que puxese de relevo “a dimensión social e cultural” da arte, que máis aló dunha “ferramenta para coñecerse a un mesmo” constitúe tamén, sinala, “un medio para a mellora e a transformación social”. 

14 estudantes, das materias Educación artística, do grao en Educación Primaria, e Obradoiro de creatividade, do grao en Educación Infantil, participan nunha exposición nas que as diferentes fotografías ou ilustracións están acompañadas por un texto explicativo do proceso do proceso e dos elementos que quixeron pór de relevo nese achegamento á outra e ao outro. Así mesmo, ás creacións realizadas polo alumnado engádense, explica Martínez, as achegas de dous “artistas internacionais, como Ángeles Fos Tomás e Manuel Borrás Herrero”, autores dúas obras que propoñen, respetivamente, unha reflexión sobre as dificultades ás que as mulleres teñen que facer fronte no día a día “simplemente polo feito de ser mulleres”, e sobre a “desconexión existente” entre o mundo rural e o urbano.

Un proceso de traballo que comezou calzando outros zapatos

As obras que conforman esta exposición constitúen o resultado final dun proceso de traballo iniciado hai semanas nas aulas e centrado, como relata Martínez, non só na práctica artística senón tamén nun diálogo, “que permitiu conectar aos alumnos entre si a través da arte”. Un proceso que o estudantado iniciou calzando, literalmente, os zapatos doutra persoa, “e camiñando pola clase co obxectivo de que pensaran e se sentiran no lugar doutra persoa”. A partires de aí, as e os participantes abordaron na aula esta experiencia, recollendo en diferentes notas a sensación que lles producira a actividade. Nunha segunda fase, o alumnado "traballou en parellas, coa persoa coa que intercambiaran os zapatos e coa que tiñan que dialogar", para logo presentar na aula a ese compañeiro ou compañeira que, nunha última fase, ía centrar a súa obra. Esta última fase do traballo, explica esta docente, comprendía en primeiro termo a realización dunha entrevista ao compañeiro ou compañeira, “da que logo tiñan que sintetizar as ideas de que era o que podían aprender desta persoa, como pensa, que é o que lle gusta”, antes de abordar a creación dunha obra na que a técnica era libre, pero na que “tiñan que aparecer zapatos ou nas que tiñan que utilizar o zapato como soporte para traballar”.

Carla Díaz, David Alonso, María Cal, Paloma Portela, Elena Vidal, Alba Mariño, Anabel Pérez, Cristina González, Joshua Covelo, Lúa Iglesias, Paula Estévez, Sara Besada, Sara Martínez e Raquel Millán son as autoras e autores dunha serie de obras que na maioría dos casos nas súas compañeiras e compañeiros de clase, coa excepción de dúas estudantes, Carla Díaz, que realizou unha obra centrada na súa avoa, na que presentaba unha serie de zapatos que reflectían diferentes etapas da súa vida, e Paula Estévez, unha psicopedagoga que centrou o seu proxecto nunha nena con transtorno do espectro autista coa que traballa desde hai anos.