DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No proceso electoral aberto pola facultade tras o remate do segundo mandato de Vicente Romo

Óscar García, único candidato ao decanato de Ciencias da Educación e do Deporte

A votación terá lugar o vindeiro mércores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 16/04/2021

O profesor da Área de Educación Física e Deportiva Óscar García encabeza a única candidatura ao decanato de Ciencias da Educación e do Deporte no proceso electoral aberto nesta facultade unha vez o actual decano, Vicente Romo, completou o seu segundo mandato á fronte do centro. Tras exercer como secretario académico ao últimos tres anos, García encabeza unha candidatura definida pola continuidade, xa que desta forman parte tres dos actuais vicedecanos, Uxío Pérez, Mercedes Varela e Ezequiel Rey, completándose o equipo coa profesora Eulalia Agrelo e co propio Romo na secretaría académica.

“O equipo decidiu seguir e iso animoume moito a dar este paso. Sen eles tería sido moi difícil, son xente que coñece ben o Decanato e que traballou moi ben ao servizo da facultade durante estes anos”, salienta García. Nese senso, a candidatura incorpora como única novidade á profesora da Área de Didáctica da Lingua e da Literatura e directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus Eulalia Agrelo, en substitución de José María Pazos, “que fixo tamén un gran labor durante estes anos”. Trala proclamación definitiva este venres da única candidatura presentada no proceso electoral iniciado o pasado mes de marzo nesta facultade, esta someterase á votación da Xunta de Facultade o vindeiro mércores 21.

Preparar ao alumnado para un mercado laboral “nada fácil”

Docente do Departamento de Didácticas Especiais, García é profesor da facultade desde o 2003 e membro do grupo de investigación HealthyFit, dentro do que é responsable do Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e de Benestar, que centra as súas liñas de traballo nos factores que determinan o rendemento e a carga de adestramento. Ademais da continuidade do actual equipo, a situación provocada pola covid-19 e a necesidade de xestionar os cambios que supuxo na organización da docencia foi outro dos motivos que levaron a este docente a presentar a súa candidatura, explica. “Durante a pandemia demostrouse que as decisións que se tomaron eran lóxicas e coherentes e hai que seguir traballando nesa mesma dinámica”, sostén García, para quen o seu “grande obxectivo”, no caso de ser elixido, pasa por facer que “todo o profesorado atope un ambiente o máis positivo posible para desenvolver o seu labor docente e investigador e que o alumnado poida beneficiarse dun altísimo nivel educativo e teña a mellor preparación posible para ser competitivos nun mercado laboral que non está nada fácil”.

Necesidade de novos espazos

Outro dos motivos que o levaron a dar este paso, engade, "é que temos retos por diante que hai que asumir”, sinalando neste senso en primeiro termo que a facultade “necesita de máis instalacións, xa que afortunadamente temos moitos estudantes, moitas titulacións e moitos profesores desenvolvendo proxectos, polo que se necesitan novos espazos”. Neste punto, o aspirante a decano salienta a “boa sintonía coa Vicerreitoria do campus” de cara a “seguir traballando nesa dinámica de tratar de obter máis recursos para a facultade” no caso de que a súa candidatura reciba o respaldo da Xunta de Facultade.

Como outro do retos a futuro, este docente destaca o interese de “explorar as dobres titulacións”, sinalando neste eido á posibilidade de articular un dobre grao en Educación Primaria e Educación Infantil. No referido á oferta académica, García avoga tamén por “seguir visualizando cales poden ser as necesidades dos estudantes”, de cara, por exemplo,  a “actualizar algúns dos mestrados” e continuar "potenciando unhas titulacións que están funcionando moi ben”. 

En termos xerais, conclúe, Ciencias da Educación e do Deporte “é unha facultade que traballa moi ben”, algo que ao seu xuízo “visualízase pouco”, o que o leva a incidir na necesidade de proxectar as súas titulacións e ao traballo do seu persoal docente e investigador co propósito que poida ser tamén “unha facultade de referencia, mesmo fóra de Galicia, que é un dos retos nos que xa estamos traballando e que deberíamos seguir explorando”.