DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves a xornada de difusión tivo lugar na Biblioteca Central de Vigo

Osluvi inicia nos campus unha campaña de promoción do software libre

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 30/06/2011
Estiveron xa na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, hoxe achegáronse á Biblioteca Central e seguirán difundindo as súas ideas en diferentes centros dos tres campus. Os integrantes de Osluvi, a Oficina de Software Libre da Universidade están decididos a achegar e dar a coñecer á comunidade universitaria as vantaxes do software libre e a axudar a todos os novos usuarios a resolver as dúbidas que poidan ter. Fano baixo o lema DiasMaisQueLibres e a idea é “correr a voz” para que todos os interesados, pertenzan ou non á comunidade universitaria, poidan asistir a algunha das citas.

Nunha biblioteca repleta de estudantes ante o inminente inicio dos exames de xullo, Osluvi montou un posto no que os interesados puideron recoller información sobre que é o software libre, as distintas versión do sistema operativo Linux ou cales son as licencias máis habituais. “Ademais tamén damos a coñecer ferramentas de software libre alternativas ás que se empregan actualmente e axudámoslle a ver as diferencias que existen entre os paquetes ofimáticos libreoffice e openoffice e a facer probas con eles”, salientou Francisco Rodríguez, quen tamén fixo fincapé en que informan sobre os movementos asociativos que existen na Universidade sobre grupos de usuarios de Linux e como poden localizar e informarse destas asociacións.

Demostracións in situ

E como hai casos nos que un exemplo vale máis ca mil palabras no posto de Osluvi tamén se realizan instalacións in situ de software libre, para que aqueles que o desexen coñezan de primeira man as vantaxes, facilidades e dificultades que conleva a instalación deste tipo de software nos seus portátiles. “Ademais, aqueles que desexen ver como se instala unha distribución como Ubuntu e non queiran facelo no seu portátil actual poden facer todo o proceso en portátiles da oficina”, engadiu Rodríguez.

No tocante á creación de documentación, os interesados poden ver os estándares que se consideran abertos e dos cales se recomenda o seu uso e pórse ao día sobre as diferencias que existen entre os paquetes ofimáticos libres libreoffice e openoffice e facer probas con eles vendo a xeración de documentos abertos que realizan.

A previsión coas datas e lugar de celebración das distintas xornadas irase dando a coñecer na web de Osluvi.