DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Marta Fernández realizará as prácticas da titulación traballando con nenos da cidade de Antigüa

De Ourense a Guatemala para pórse na pel dunha educadora social

O obxectivo destas actividades académicas é preparar ao alumnado para o exercicio profesional

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 08/01/2013

De volta xa das vacacións de Nadal o alumnado dos últimos cursos de cada titulación prepáranse para comezar a realizar as prácticas obrigatorias dos seus respectivos estudos en todo tipo de entidades públicas e privadas. Entre eles está Marta Fernández, estudante de cuarto de Educación Social na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. Ao igual que os seus 80 compañeiros de aula, afronta este reto con moita ilusión e co aliciente engadido de que o seu Practicum consistirá en traballar con nenos e nenas dun barrio desfavorecido da cidade de Antigüa, en Guatemala.

“O caso de Marta é especial porque ela mesma se buscou a entidade na que quería facer as prácticas e escolleu un proxecto moi bonito dunha ONG que traballa en América Central con colectivos sensibles, especialmente con nenos e nenas”, explica Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación. “Estarei desde mediados de xaneiro ata Semana Santa participando nun programa de actividades educativas e extra-escolares organizado pola ONG Cooperatour e xestionado pola asociación local Los Patojos, no barrio de Jocotenango”, destaca Marta Fernández, desexosa xa de coller o voo que a leve ata o outro lado do Atlántico e comezar así o que será a súa segunda aventura académica no estranxeiro, despois de estar o pasado curso en Dinamarca co programa Erasmus.

O cambio social a través da formación

No seu destino incorporarase a un equipo de educadores, voluntarios e profesionais, locais e estranxeiros, que traballan para impulsar un cambio positivo nos nenos e nenas do municipio, que conta cun elevado nivel de desintegración social que está descendendo nos últimos anos grazas en parte ao traballo educativo que levan realizado diferentes organizacións non gobernamentais na zona desde 2006. “Elixín este proxecto porque me gustou a forma que teñen de enfocar o cambio social a través da educación. Ensínanlles idiomas aos rapaces, ocupan o seu tempo libre para que non estean nas rúas e desenvolven todo un programa educativo que lles quere dar as bases para un futuro mellor”, apunta a alumna ourensá. Este traballo con menores, explica, é especialmente atractivo para os educadores sociais porque se trata dun colectivo desfavorecido ao que, con axuda, podes mellorar enormemente a súa calidade de vida futura.

O obxectivo deste Practicum, supervisado pola Universidade, é permitir aos estudantes aplicar e complementar os coñecementos adquiridos na súa formación académica, favorecendo a adquisición de competencias que lles preparen para o exercicio de actividades profesionais, que faciliten a súa empregabilidade e que fomenten a súa capacidade de emprendemento. Un obxectivos que Marta Fernández agarda cumprir en Jocotenango e os seus compañeiros en entidades como Cruz Vermella, concellos, casas da xuventude, Proxecto Home, Comité Antisida, centros de día e asociacións como Down, Aspanas e Autismo. Serán as súas últimas prácticas antes de converterse xa en educadores sociais e pasar a exercer profesionalmente como tales.