DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres e sábado o campus acolle un encontro internacional de investigadores deste eido

Ourense e México cooperan para avanzar nos estudos de xénero, sexualidade e etnicidade

No marco dun proxecto estatal que persegue a creación dun centro de documentación latinoamericano

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 27/07/2012

No ano 2011 Águeda Gómez, profesora da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, e un grupo de investigadores da Universidade de Vigo puxeron en marcha un proxecto estatal de cooperación que tiña como obxectivo crear un Centro de Estudos de Xénero, Sexualidade e Etnicidade CEGSE, na Escola Nacional de Antropoloxía e Historia ENAH, de México. Para facer balance do traballo realizado desde entón e para afondar na investigación nesta temática, este venres e sábado o campus acolle un encontro internacional de especialistas neste eido.

A cita foi inaugurada por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e por Águeda Gómez. “É unha satisfacción poder inaugurar neste campus un encontro que quere dar un paso máis na temática do xénero e da sexualidade, vinculado neste caso á etnicidade, e que é froito dun proxecto de cooperación internacional no que participan docentes e investigadores da nosa Universidade”, salientou María Lameiras durante a inauguración das conferencias.

Un futuro incerto

Segundo explicou Águeda Gómez, o proxecto naceu en 2011 como unha iniciativa da Universidade de Vigo e da Escola Nacional de Antropoloxía e Historia ENAH-México, auspiciado e financiado pola Axencia Española de Cooperación Internacional e Desenvolvemento AECID. “Responde á necesidade de constituír un centro de documentación sobre esta temática que recolla as experiencias e a información existente en América Latina, coa finalidade de instaurar un diálogo fecundo entre antropoloxías do mundo: a mexicana, as latinoamericanas e as europeas do ámbito mediterráneo”, explicou a profesora.

Nado para ser un referente para os investigadores e estudosos da realidade sociosexual e sexo/xenérica dos grupos étnicos en América Latina, o pasado ano o proxecto comezou coa dotación de material e persoal do centro. Ademais, editaron dúas publicación nas que recolleron por un lado artigos de destacados académicos formados na ENAH sobre esta temática e por outro as teses de doutoramento, grao e posgrado realizadas no centro, “como un xeito de facer a diagnose e identificación do material co que contabamos”, apuntou a directora da iniciativa. Na súa posta en marcha participaron por parte da Universidade de Vigo, alén da responsable do proxecto, Silvia Pérez e Alejandro Nuricumbo e por parte de México Marinella Miano, Dalia Barrera e Raúl Arriaga.

Durante as sesións de traballo, os relatores, procedentes de México, Brasil, Italia e Galicia, afondarán en aspectos concretos relativos á temática do encontro, como o feminicidio en Ciudad Juárez ou a sexualidade indíxena, pero tamén farán balance dos dous primeiros anos do proxecto. Sobre o seu futuro, apunta Águeda Gómez, pende a dúbida xa que “polos recortes estatais en cooperación, debido á crise económica, suspendeuse desde AECID o financiamento do proxecto, que en principio ía durar catro anos. O seu futuro é incerto pois a idea era que o centro fose autosuficiente en catro anos, non a metade de camiño da súa creación como estamos agora”, advertiu.