DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa presenza de 300 participantes

Ourense, punto de encontro e debate dos programas universitarios para maiores

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
DUVI DUVI 09/11/2007

Representantes das tres universidades galegas, da Asociación Estatal de Programas Universitarios para Mayores e o presidente do Consello da Cultura Galega Ramón Villares, asistirán á inauguración do I Encontro de Programas Universitarios para Maiores, que este sábado se celebra en Ourense coa presenza duns 300 participantes.O encontro que se celebrará na Aula Magna da Facultade Ciencias da Educación comezará ás 10:30 horas coa recollida da documentación. Na inauguración, á que asistirá o Reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, o presidente do Consello Galego da Cultura, Ramón Villares impartirá un relatorio inaugural que leva por título Emigración e identidade . A continuación celebrarase a asemblea das Asociacións de Estudantes de todos os campus. Xa polo serán, logo dun xantar de confraternidade, os participantes asistirán a unha visita cultural por Ourense, para rematar a xornada cunha presentación de comunicacións e unha mesa redonda sobre os programas universitarios para persoas maiores.

Punto de encontro e análise

Organizado polas tres universidades galegas en colaboración coa Vicepresidencia da Xunta de Galicia, no encontro tomarán parte entre alumnos, docentes e xestores, preto de trescentas persoas, una cifra que segundo afirma Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, “alcanza amplamente o horizonte marcado, xa que é unha porcentaxe moi representativa do que son os programas de formación para maiores”.
O encontro que tamén podería ser un punto de partida cara á creación dunha federación galega de asociación de estudantes, permitirá aos participantes afondar no presente, pero sobre todo no futuro dos programas para maiores.