DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade e Xunta asinaron este martes un convenio para a elaboración do plan estratéxico do prox

Ourense recibe 247.800 euros para vertebrar o Campus da Auga

O obxectivo é crear un centro de referencia e excelencia arredor desta temática

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 04/09/2012
O curso universitario comezou este luns no campus de Ourense cun intenso programa de actividades e o seu proxecto estrela, o Campus da Auga, quixo tamén iniciar 2012/2013 con forza. Deste xeito, este martes Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Jesús Vázquez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, asinaron un convenio de colaboración entre as dúas entidades para destinar 247.800 euros á elaboración do plan estratéxico e do programa de necesidades funcionais e usos da futura sede desta iniciativa. O plan, que dará un pulo definitivo á proposta, terá como misión vertebrar o proxecto do Campus da Auga e poñer as bases para converter Ourense nun referente científico de excelencia no eido da auga nas súas múltiples áreas de coñecemento.

“Sabemos o que queremos facer co Campus da Auga e os obxectivos que queremos conseguir. Co plan estratéxico vamos a marcar agora a metodoloxía, a sistemática e os tempos a seguir para desenvolver todo o potencial deste campus”, afirmou Salustiano Mato durante o acto, ao que asistiron, entre outras autoridades, José Manuel García, vicerreitor de Economía e Planificación da Universidade de Vigo; José Alberto Díez, secretario xeral de Universidades; e Santiago Lago, presidente da Comisión Científica do Campus da Auga, ademais de membros de dita comisión e decanas de diferentes facultades ourensás. Cos pasos que se están dando, explicou o reitor, “Ourense será máis que un campus: ofrecerá un valor engadido, terá unha marca diferencial e será aínda máis motor activo e proactivo da cidade e da provincia”.

Coa sinatura do convenio de colaboración, apuntou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, “dáse o pulo definitivo ao Campus da Auga”. Jesús Vázquez, que amosou a súa satisfacción por participar nesta iniciativa tamén como ourensán e como docente do campus, destacou que con este proxecto “temos unha posibilidade de futuro ante nós e é importante que o campus o aproveite”, polo que animou á comunidade universitaria a implicarse nunha idea que pretende ser transversal ás diferentes áreas de docencia e de investigación existentes en Ourense.

Singularidade e especialización

O convenio, que se enmarca no Plan I2C e no Plan Impulsa Ourense, persegue como obxectivo principal colaborar e apoiar a primeira iniciativa de especialización dun campus non central do SUG. Coa elaboración da folla de ruta deste proxecto búscase, entre outros obxectivos e segundo salienta o acordo, potenciar a singularidade e a especialización de Ourense dentro dun mapa universitario galego diversificado; mellorar a súa internacionalización; aumentar a calidade investigadora e docente e promover unha política integral no ámbito da formación, a investigación, a transferencia e a valorización do coñecemento e da actividade profesional. A transformación do campus para o desenvolvemento dun modelo social integral e as melloras dirixidas á adaptación e implantación do EEES son outros dos aspectos que se terán en conta na elaboración do documento que, unha vez redactado, será complementado coa elaboracion dun programa de necesidades funcionais e usos da futura sede do Campus da Auga.

“O plan ofreceranos unha metodoloxía para ter futuro e para abrir futuro para Ourense, permitiranos presentarnos en Bruxelas con ideas e cunha masa crítica suficiente para atraer recursos”, apuntou o reitor da Universidade de Vigo. Neste futuro, engadiu, “todos teñen e van ter un papel importante”, facendo fincapé en que o proxecto do Campus da Auga abrangue a todos os profesionais e áreas de coñecemento, desde a historia, o dereito e a educación ata a economía, as ciencias e a informática. Salustiano Mato non quixo deixar pasar a oportunidade de agradecer "o apoio decidido" que ofrece ao campus ourensán a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e destacou o valor do paso dado este martes de cara a acadar "un Sistema Universitario Galego único, equilibrado e forte, con solvencia económica, cunha oferta académica de calidade, con competitividade e con excelencia internacional".