DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Programa de obradoiros do primeiro cuadrimestre

Un outono de alternativas

Entre Vigo e Pontevedra ofértanse 24 cursos

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 19/10/2007

Música, teatro, cine, fotografía, voluntariado… Os obradoiros de para o primeiro cuadrimestre comezan cun programa cheo de novidades e de actividades complementarias para todos os gustos. Os campus de Pontevedra e Vigo contan cunha oferta de 24 cursos non que atopan acollida actividades tradicionais como a pandeireta e outras máis actuais como a fotografía dixital ou os efectos especiais.
A última semana deste mes de outubro botaran a andar os primeiros obradoiros que, abertos ao público en xeral, ofrecen condicións especiais a bolseiros e a membros da comunidade universitaria.

No campus de Vigo

Ata o remate do primeiro cuadrimestre que se acaba de estrea, o campus de Vigo acollerá un total de 15 obradoiros. Entre os días 29 e 30 deste mes de outubro darán comezo dez deles: iniciación á fotografía dixital, un obradoiro de poesía da man do profesor e escritor Anxo Angueira, unha iniciación ao teatro e un de posta en escena dunha obra teatral e outro sobre a curtametraxe. Entre os primeiros en comezar, os interesados poden tamén matricularse nunha introdución aos software libre, nun curso de prevención de riscos laborais e noutro de modelado 3D. Por outra banda tamén se impartirá un obradoiro para aprender a facer pan do xeito tradicional e outro de pandeireta e canto tradicional galego.
Xa no mes de novembros darán comezo os cinco restantes: un obradoiro de formación de voluntariado, dous de guitarra para distintos niveis, un para aprende a tocar o djembé outro de iniciación á ópera. Este último está destinado unicamente a membros da comunidade universitaria e alumnos de grao superior do Conservatorio.

No campus de Pontevedra

A oferta de obradoiros do campus pontevedrés para este primeiro cuadrimestre está conformada por nove propostas. O programa comezará tamén nos últimos días do mes co obradoiro de prevención de riscos laborais, co de iniciación ao teatro e coa posta en escena dunha montaxe teatral.
Xa na primeira semana de novembros comezarán as clases do curso de efectos especiais de maquillaxe-modelado e moldes, o laboratorio Alga sobre os contornos interactivos e a manipulación sonora, o obradoiro de djembé, o de efectos especiais para cine e TV e o de formación de voluntariado. Completa a oferta un obradoiro no que, baixo o título “Reciclar, coser e cantar”, os asistentes poderán coñecer a costura creativa na vida cotiá a reciclaxe dos novos materiais.

O prazo de matrícula péchase o 26 de outubro

A matrícula pode formalizarse en calquera dos obradoiros ata o vindeiro 26 deste mes de outubro na oficina de Extensión Universitaria no campus de Vigo e nos rexistros de calquera dos tres campus.
O prezo dos cursos é de 40 euros para o público en xeral, mentres que os membros da comunidade universitaria teñen un desconto do 25% e os bolseiros da Universidade dun 50%. Ademais, as persoas que se inscriban en algún proxectos de voluntariado da Universidade poderán cursar de balde os obradoiros de formación sobre este campo. O número de prazas varía segundo o obradoiro, así como a duración, que vai dende as 20 ata as 33 h.
A asistencia a estes programas pode validarse por créditos de libre elección, que dependerán da duración do mesmo.

Programa dos obradoiros do primeiro cuadrimestre nos campus de Vigo e Pontevedra