DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inaugúrase a mostra 'Cidade de tod@s, fogar dalgun@s?' de Médicos do Mundo

O Outono Fotográfico trae ao campus imaxes e testemuños da exclusión

Pódese ver ata o 30 de novembro na entrada do Edificio de Ferro

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 28/10/2011
Son 33 fotografías de persoas que viven na rúa das cidades de Vigo, Bilbao, Valencia e Sevilla. Alén da súa calidade estética, cada unha delas agocha tras de si unha historia persoal pero tamén unha historia de exclusión social. Para visibilizar e darlle voz a este colectivo e para concienciar á comunidade universitaria e á cidadanía ourensá sobre a súa situación, Médicos do Mundo-Galicia e a Vicerreitoría do Campus de Ourense organizan dentro do Outono Fotográfico a mostra Cidade de tod@s, fogar dalgun@s?.

A exposición foi inaugurada este venres na entrada do Edificio de Ferro por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; María de las Nieves Turienzo, presidenta de Médicos do Mundo-Galicia; e Xosé Lois Vázquez, coordinador do Outono Fotográfico. “Esta mostra é impactante non só pola calidade fotográfica das imaxes e polas historias persoais que plasma, senón tamén polos textos con testemuños dos protagonistas que acompañan ás fotografías e que as converten nun excelente instrumento para concienciarnos e solidarizarnos con esta realidade”, salientou María Lameiras durante a inauguración.

Tal e como apuntou a presidenta de Médicos do Mundo-Galicia, a exposición recolle imaxes realizadas polos fotógrafos Sara Janini, Salva Campillo e Enrique López e o seu obxectivo é “concienciar aos cidadáns de como viven e senten estas persoas, tendo sempre presentes que calquera de nós pode acabar na súa mesma situación”, advertiu. Nieves Turienzo quixo agradecer ás persoas retratadas a xenerosidade de deixarse fotografar e de contarlles as súas vivencias e sentimentos. “A exclusión é un problema de todos, todos temos responsabilidade na situación destas persoas, que son estigmatizadas pola sociedade e que precisan de axuda para saír dela”, apuntou.

O legado de Benito Losada

A mostra, que estará aberta ata o vindeiro 30 de novembro, é unha das tres que acollerá este ano o campus de Ourense no marco da celebración do Outono Fotográfico, que nesta edición encherá 90 salas de diferentes puntos da xeografía galega con imaxes de 500 fotógrafos. O coordinador da iniciativa, Xosé Lois Vázquez, salientou o especial valor de Cidade de tod@s, fogar dalgun@s? polo feito de que se faga no contexto universitario e destinada especialmente a concienciar a este colectivo xa que, advertiu, “de nada serve ter unha titulación ou doutorado se cando nos cruzamos cunha persoa na rúa non sabemos ver ao ser humano que é”.

Durante a inauguración desta mostra tamén houbo unha especial lembranza para Benito Losada, o que foi director da Casa da Xuventude de Ourense e promotor do Outono Fotográfico ata o seu falecemento. “A mellor homenaxe que lle podemos facer a Benito é coller o seu testemuño e continuar o traballo que el realizou ano tras ano”, dixo María Lameiras.