DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora Alba Rodríguez Saavedra ofreceu un relatorio na FFT sobre o traballo da fotógrafa

O outro canon das mulleres galegas, a través da ollada de Ruth Matilda Anderson

Foi relegada por ofrecer unha visión "non canónica" da sociedade de comezos do século XX

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Investigación
  • Académica
DUVI 13/03/2024

Moi lonxe de retratar mulleres submisas, abnegadas e felices no seu papel secundario na sociedade, a fotógrafa e documentalista Ruth Matilda Anderson amosaba a comezos do século XX unha Galicia ben diferente. E foi precisamente o seu empeño por dar voz ás mulleres galegas o motivo polo que unha das súas principais obras, Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña, non se comercializou en España. De feito, a día de hoxe, o libro editado en 1939 en Nova York pola Hispanic Society of America segue estando fóra dos circuítos estatais, non foi traducido e só se pode adquirir nos EEUU. 

Esta é a tese que defende a tradutora e editora técnica en Afundación e membro do Grupo de Investigación en Tradución e Paratradución (T&P) da Universidade de Vigo Alba Rodríguez Saavedra. Especializada en feminismo e tradución, ofreceu este mércores un relatorio na Facultade de Filoloxía e Tradución no que expuxo os diferentes mecanismos de ocultación e manipulación que, desde 1939 ata a actualidade, “operaron e operan” para manter invisible en Galicia esta obra, que “ademais de contar co meirande número de traducións de textos de Rosalía de Castro ao inglés ata 1964 e de presentar unha análise exhaustiva da realidade galega alicerzada na documentación histórica, literaria ou sociolóxica, reflicte con claridade o compromiso feminista de dúas escritoras galegas paradigmáticas: Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán”. 

Como explicaba na súa intervención, nesta obra Ruth Matilda Anderson acompañou as súas fotografías de escritos de ambas intelectuais para complementar así o seu retrato de Galicia, esencialmente centrado nas mulleres, a infancia e o medio rural, contradicindo, deste xeito, “o discurso canónico patriarcal do que elas ficaron elididas”. 

As múltiples causas do ostracismo

O relatorio, organizado polo Grupo de Investigación Traducción & Paratraducción (T&P), estivo moderado polo profesor Alberto Álvarez Lugrís e nel, a investigadora lembrou que a fotógrafa estadounidense “retratou o noso país cunha exhaustividade coa que nunca antes o fixera ninguén” froito de dúas estadías en Galicia entre 1924 e 1926, da man da Hispanic Society of America. O encargo era realizar un estudo cultural e etnográfico da sociedade galega e o resultado plasmouno, en 1939, en Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña. O libro é un percorrido por cidades, vilas e aldeas, pola Galicia burguesa e a Galicia rural, a través de nomes propios e persoas anónimas, construíndo un retrato de 496 páxinas nas que conviven “en perfecto diálogo” o texto e as imaxes. Precisamente, a investigadora da UVigo decidiu centrar a súa atención nos paratextos, “que acompañan e enriquecen” o texto central, e especialmente nas traducións de estratos de obras de Rosalía que Anderson incluíu e que chocan de fronte “co que aínda hoxe tendemos a pensar de Rosalía, unha cantora das penas e das mágoas”. Deste xeito, xa no 1939 o libro recolle unha maneira diferente de ver a Rosalía, “unha visión que entraba en colisión directa co que o canon estaba ofrecendo dela”. 

Precisamente, esta “lectura non canónica de Rosalía de Castro” feminista e galeguista e o retrato tamén non canónico das mulleres galegas son, para Saavedra, uns dos principais motivos polos que “nin Ruth Matilda Anderson nin o seu libro nin as súas achegas á nosa cultura tiveron eco en Galicia”. Para chegar a estas conclusións, a investigadora estableceu comparativas con obras análogas e coetáneas, tamén de autoría feminina, unha análise que lle permitiu identificar estes e outros aspectos que provocaron que a obra quedase fóra do circuíto. Entre elas tamén se referiu “á ausencia de mención directa da intelectualidade galega da época”, como Murguía, Castelao ou Risco e ao feito de que se tratase dun “ensaio exhaustivo sobre a cultura galega cinco antes do Sempre en Galiza de Castelao”. Ademais, é un volume elaborado “por unha muller e estranxeira” que, segundo Saavedra, puxo o foco onde antes non o puxera ninguén e construíu un libro “sobre mulleres, de mulleres, por mulleres, con mulleres e iso era algo que non entraba nas liñas de investigación e consolidación do canon galego de altura”. 

5000 imaxes que conforman un “tesouro”

No seu relatorio, a investigadora tamén incidiu na importancia do arquivo fotográfico de Anderson, composto por máis de 5000 imaxes tiradas durante as dúas viaxes a Galicia e protagonizadas principalmente por mulleres, “mulleres descargando unha gamela, mulleres alimentando o gando, mulleres carteiras, mulleres acarrexando algas...”. Pola relevancia e o tamaño da colección, para Rodríguez Saavedra este é o “maior tesouro” documental Galicia que, non obstante, se conserva fóra, na Hispanic Society of America, e do que en Galicia apenas se coñecen 500 imaxes.