DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vindeiro 1 de outubro na eurocidade Valença-Tui, en augas do río Miño

Padexeiros galegos e portugueses bogarán xuntos no Trofeo Interuniversitario de K4

Organizado pola Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 20/09/2011

O río que separa os dous países servirá tamén para unilos o vindeiro 1 de outubro coa celebración do II Trofeo Interuniversitario Eurorrexional de K-4. A idea é que as augas do Miño acollan unha xornada de confraternización entre as universidades de Galicia e do Norte de Portugal cunha iniciativa deportiva pero tamén lúdica organizada pola Fundación CEER, Centro de Estudos Eurorrexionais en colaboración co Concello de Tui e a Câmara Municipal de Valença.

A regata desenvolverase en tres categorías (masculina, feminina e mixta) e cada universidade estará representada por un k-4 en cada unha delas, competindo así seis botes en cada categoría, os de A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Porto, Minho, Trás-os-Montes e Alto Douro. A competición comezará ás 12.00 horas do vindeiro sábado 1 de outubro nas augas do Miño á altura do Centro Interfederado de Remo, na eurocidade Valença-Tui.

Este trofeo toma o relevo da edición do pasado ano na que as universidades competiron con barcos dragón, unha modalidade exótica que deixa paso nesta ocasión a unha das modalidades tradicionais do piragüismo, con catro padexeiros en cada kayak. A finalidade deste trofeo é crear unha ponte máis nas relacións entre as comunidades universitarias de ambos lados do Río Miño e enténdese esta competición como “un espazo simbólico de unión e colaboración que reúne elementos como a tradición, a modernidade, o colectivo ou o medio ambiente e na que se destacan conceptos como o traballo en equipo, esforzo, cooperación, competición, sincronismo e destreza”, segundo a organización.

Unha xornada de diversión e compañeirismo

Esta regata ten como obxectivo afianzar os lazos e fomentar a cooperación entre universidades, así como promover a práctica regular da actividade física en toda a poboación, para a promoción da saúde e a socialización. O acontecemento será aberto ao público, e haberá durante todo o día actividades lúdico-culturais, entre elas a actuación de tunas universitarias, grupos musicais, danza e teatro nos centros históricos de Valença do Minho e Tui. O evento coincide este ano coa Festa do Bacalhau de Valença do Minho, polo que a gastronomía unirase a esta celebración deportiva e cultural interuniversitaria.

Son os técnicos de Deportes de cada unha das institucións académicas os encargados de deseñar os equipos, xa que estas embarcacións requiren que a xente que as tripule teña experiencia porque son difíciles de manexar, “polo que as persoas que van participar, na súa maior parte, son universitarios e universitarias adscritos a clubs de piragüismo, remo … das comunidades académicas”, apuntan os organizadores.

Os equipos están xa case totalmente conformados, pero o que si será aberta será a asistencia do público á regata e ás actividades complementarias.

Unha fundación interuniversitaria

A Fundación do Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER) naceu da man das tres universidades galegas e as tres do norte do país veciño xunto coa Xunta de Galicia para crear unha vía de colaboración co obxectivo de estreitar relacións e crear sinerxías e redes. Entre outras actividades desenvolven foros de debate e seminarios, publicacións relacionadas coa eurorrexión, un museo virtual, un campus on line así como iniciativas de promoción e divulgación da investigación interuniversitaria.