DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A catedrática Camiño Noia achegouse ao Liceo de Ourense para falar da narración oral

Un país de contos para entreter e para transmitir coñecemento

A investigadora lamentou a perda desta tradición na cultura galega

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 03/02/2012

Nos anos noventa, explica a catedrática da Universidade de Vigo Camiño Noia, sentiu a necesidade de comezar a recompilar os contos da tradición oral galega ao igual que se facía noutros países. Para facelo díxolle aos seus alumnos que gravasen relatos dos seus maiores. Así comezou unha dedicación á tradición oral, materializada en diferentes publicacións, que a ten convertido nunha das mellores “contadoras” sobre o xénero do conto. Para falar desta tradición narrativa en Galicia, este xoves achegouse ao Liceo de Ourense no marco dos seus XXII Encontros Literarios, dedicados precisamente este xénero.

Camiño Noia, citando a Manuel Murguía e a Sarmiento, comezou explicando a importancia da oralidade en Galicia, onde as mulleres “canta e contan” e acumulan centos de historias no seu maxín. “Nun mundo de tradición oral, nun país coma o noso, sen luz, sen televisión, que precisaba contar para entreterse pero tamén para transmitir coñecementos e valores, o conto xogou tradicionalmente un papel moi importante”, salientou. Para explicar esta relevancia, durante a súa intervención a catedrática, que foi presentada por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, fixo un achegamento ás orixes e evolución do conto, ás súas características e tipoloxías e a dos seus transmisores.

“En Galicia contábanse os contos igual que se facía en moitos outros países. Os contos non son específicos daquí, aínda que ao principio se pensase que si o eran. Non se sabe moi ben porque, quizais por unha orixe persa, hai un fondo común na tradición oral das diferentes culturas”, explicou Camiño Noia. Aínda que en moitos casos hai unha base semellante, a catedrática explicou que logo a tradición oral se adaptan ás características de cada comunidade e os contos varían. No caso por exemplo de Galicia, explica, ao contrario que noutros países, hai moi pouca misoxinia nestes relatos breves, “porque quen controlaba a palabra era a muller, a que contaba e a que gardaba a tradición oral era ela”, destacou.

Do oral ao escrito, do escrito ao oral

Nesta evolución do conto, Camiño Noia detívose a explicar o importante papel que tivo a interrupción da escrita, o momento no que coa chegada da imprenta os contos pasaron da oralidade ao papel, un paso no que foron manipulados para adaptarse ao gusto do escritor e do público. Este feito trouxo consigo unha volta de torca na que os contos volveron da escrita á oralidade, cando eran de novo contados segundo a versión lida nos libros. Nesta relación entre literatura e tradición oral, a catedrática tivo ocasión de afondar nas narracións breves de Carlos Casares, promotor dos Encontros Literarios que acolleron esta conferencia.

Durante a súa intervención, Camiño Noia lamentou como “esta transmisión oral dos contos xa se rompeu, perdeuse. Se lle pedimos aos maiores que nos conten algún conto din que non valen para nada, ou que xa non se lembran, ou mesturan as historias, etc.”. A catedrática salientou que a cultura galega foi unha das últimas onde se rompeu esa transmisión coa perda da vida en comunidade, coa emigración dos anos sesenta, coa chegada da televisión e polo influxo doutros factores.