DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Unidade de Fisioterapia do campus atendeu no curso 2010/2011 a 156 persoas

Da pantalla do computador á mesa de masaxes por malos hábitos

A dor de costas, a principal causa da visita á osteópata

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 28/07/2011
Boa parte do traballo dos membros da comunidade universitaria, sexan docentes, alumnado ou persoal de administración, desenvólvese sentados diante da pantalla do computador. Pola ausencia dun esforzo físico pode parecer a priori unha actividade que non require especial atención. Sen embargo, os malos hábitos posturais unidos ao estres e á falla de exercicio son a principal causa que leva a este colectivo a pasar polas mans da fisioterapeuta do campus de Ourense. No curso 2010/2011 a Unidade de Fisioterapia atendeu a 156 persoas, 240 desde o seu nacemento, e a súa demanda segue medrando.

“A Unidade de Fisioterapia naceu hai ano e medio como unha das tres patas da Área de Deporte e Saúde do campus de Ourense, xunto á Unidade Médica e a de Atención Física Personalizada. Xurdiu como unha demanda da comunidade universitaria e da propia Área de Deporte, que notaban que faltaba un elo entre a atención médica e a atención personalizada, un servizo de actuación rápida de molestias”, explica Guillermo Santos, responsable da Unidade de Fisioterapia.

A unidade conta cunha fisioterapeuta osteópata, Patricia Fernández, que atende aos pacientes en instalacións do campus de Ourense un día á semana, durante 4 horas, en sesións de 45 minutos. Ofrece tratamento de terapia manual, termoterapia, crioterapia, electroterapia e cinesiterapia aos membros da comunidade universitaria a un prezo por sesión de 15 euros ou un bono de 5 sesións a 60 euros. “A resposta a este servizo desde a súa creación no curso 2009/2010 é extraordinaria, tendo xa unha lista de agarda de dúas ou tres semanas. Pola alta demanda xa se podería ir pensando na súa ampliación, aínda que a crise nos limita”, salienta Santos.

A factura do estres

Segundo explica a fisioterapeuta, “as patoloxías de costas derivadas do traballo e das malas posturas son a principal causa da visita”. Nunha primeira consulta, a fisioterapeuta valora o estado do paciente e de ser necesario o deriva á Unidade Médica para realizar un exame. Despois desta primeira toma de contacto, Fernández salienta que o habitual é que o paciente colla un bono e desenvolva todo o programa previsto. Os maiores usuarios deste servizo son PDI e PAS, que duplican ao alumnado, e con porcentaxes moi similares de homes e mulleres. Tamén destaca a atención aos deportistas dos diferentes equipos do campus, que son tratados polas súas lesións.

Do tratamento, a fisioterapueta salienta a importancia da prevención e do compromiso con el unha vez iniciado. “En xeral a xente vén ao fisioterapeuta cando xa ten un problema, non teñen uns hábitos de vida saudables e cando aparecen os problemas queren solucións rápidas. A isto hai que engadir que cando lle pides a súa colaboración, cando lle pautas algo que require deles, moitas veces non poden, pois entre o traballo, a casa, os fillos e demais compromisos din non ter tempo”, destaca Fernández. Sen embargo, advirte, para unha vida sa e son dor é necesario realizar exercicio diario e se se atopan 20 minutos para estar no sofá vendo a televisión tamén se deben poder atopar para traballar o corpo. “O estres pasa factura a todos e é imprescindible adquirir hábitos de vida saudables”, advirte.