DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Invetigadoress das universidades de Barcelona, Porto e Reino Unido falaron no campus sobre os avance

O papel dos antioxidantes contra as infeccións, o deterioro celular e o cancro, a estudo

A actividade forma parte dun ciclo máis amplo sobre "Refinado de Biomasa e o Desenvolvemento Sostibl

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 09/07/2010

A acción dos antioxidantes consiste en inhibir as reaccións de oxidación que contribúen, por exemplo, ao envellecemento prematuro. Segundo explica Andrés Moure, profesor da área de Enxeñaría Química da Facultade de Ciencias, “estas sustancias contribúen á saúde proporcionando protección contra as infeccións, o deterioro celular e, probablemente, o cancro”. Existen moitos tipos de antioxidantes que poden actuar por distintos mecanismos e todos eles constituíron o eixe ao redor do cal se desenvolveu a xornada sobre Desenvolvementos no campo dos antioxidantes: actividade, propiedades e aplicacións, que tivo lugar este venres no campus e no que expertos chegados das universidades de Barcelona, Porto (Portugal) e Reading (Reino Unido) compartiron os resultados dos estudos desenvolvidos nos seus respectivos centros co alumnado da Facultade de Ciencias interesado nesta área e cos membros dos grupos de investigación EQ2 e EQ9, da área de Enxeñaría Química, que desenvolven tamén liñas de traballo neste campo.

A finalidade do encontro foi, en palabras do profesor Moure, director académico da xornada, “proporcionar unha panorámica do potencial da biomasa vexetal como fonte de moléculas bioactivas”. Deste xeito os relatores centraron as súas intervencións nas aplicacións, propiedades e actividades biolóxicas dos antioxidantes, así como nos efectos das súas interaccións.

Un piar sobre o que se asenta a investigación no campus

O acto inaugural da xornada estivo presidido por María Victoria Jato, vicerreitora de Investigación e Transferencia do campus de Ourense, que subliñou na súa intervención o traballo desenvolvido polos grupos de investigación da área de Enxeñaría Química aos que definiu como “algúns dos equipos piares sobre os que se asenta a investigación no noso campus”.

Os profesores Enma Conde e Andrés Moure foron os encargados de pronunciar o relatorio inaugural do encontro que versou sobre os antioxidantes naturais. De seguido Eduarda Fernandes, da Facultade de Farmacia da Universidade do Porto (Portugal) revelou o traballo que está a desenvolver o seu equipo “no desenvolvemento de novas metodoloxías in vitro para a determinación de actividades farmacolóxicas de compostos bioactivos”, sinalou.

Na Facultade de Farmacia da Universidade de Barcelona tamén se estuda esta temática no grupo comandado pola profesora Rosa Lamuela, concretamente no ámbito dos polifenois que se atopan nos alimentos e na súa biodispoñibilidade en animais e humanos. Este equipo participa no estudo PREDIMED (Prevención con Dieta Mediterránea), co obxectivo de avaliar os efectos dunha dieta mediterránea na prevención primaria da enfermidade cardiovascular. Nesta liña de traballo a investigadora Lamuela explicou que o seu grupo de investigación puxo a punto metodoloxías específicas para caracterizar o perfil polifenólico de determinados alimentos.

O investigador Mike Gordon viaxou dende a universidade británica de Reading para amosar no campus os estudos que están a levar adiante no departamento de Alimentación e Ciencias Nutricionais deste centro e que tratan “sobre os efectos sinérxicos das proteínas sobre os polifenois presentes en matrices alimentarias e o seu efecto na actividade antioxidante”, segundo explicou.

Outras actividades do ciclo

Esta xornada sobre os desenvolvementos no campo dos antioxidantes forma parte dun ciclo máis amplo que trata sobre o Refinado de Biomasa e o Desenvolvemento Sostible e que organiza o grupo EQ2 da Facultade de Ciencias, dirixido polo profesor Juan Carlos Parajó. Este equipo, xunto a outro grupo de traballo denominado EQ9 e comandado polo tamén docente Gil Garrote, levan moitos anos traballando no ámbito do aproveitamento da biomasa, unha liña de actuación na que se enmarca o obxectivo do ciclo: presentar unha visión ampla da utilización da biomasa como recurso clave para o desenvolvemento sostible.

O ciclo consta doutras dúas xornadas máis; a primeira delas desenvolverase o día 15 de xullo e trabará sobre Novos produtos e tecnoloxías para o procesamento de polisacáridos. O segundo encontro terá lugar o día 28 de xullo e afondará novamente no campo dos antioxidantes dando a coñecer as novas tecnoloxías en extracción e purificación de compostos activos.