DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No 30 aniversario da Cámara autonómica

É o Parlamento Galego o centro do noso sistema político? Por Álvaro Xosé López Mira

Etiquetas
  • Vigo
DUVI 03/06/2011
Cúmprese este ano o trintavo aniversario da aprobación do vixente Estatuto de Autonomía de Galicia e, aínda que ninguén celebrou e nin sequera rememorou a efeméride, como se fose mellor esquecela, o certo é que ese texto posibilitou a creación da actual organización institucional do poder galego, singularmente o Parlamento de Galicia que tamén cumpre trinta anos neste 2011.

Buscan estes órganos decimonónicos, os parlamentos, o seu lugar no século XXI. Resulta xa tópico escoitar que deben ocupar a centralidade dos sistemas políticos democráticos xa que son o órgano representativo da soberanía popular e neles esta atopa a súa canle de expresión e mesmo de decisión. Esta afirmación de principios ubícase nunha realidade na que, dunha banda, son os partidos políticos con representación os auténticos depositarios da soberanía popular e os intérpretes libérrimos da mesma, ben que sexa a través duns disciplinadísimos grupos parlamentarios e, doutra, os gobernos convertéronse no principal dos poderes tanto pola súa expansiva capacidade de acción política, como polo dominio que exercen sobre os parlamentos a través, precisamente, do grupo parlamentario maioritario, sobre todo en escenarios de maioría absoluta, os máis habituais en Galicia nas dúas últimas décadas.

Xa que logo, a estructura xurídica deseñada constitucional e estatutariamente renxe diante dunha praxe política distinta da normativa articulada (aínda que cumpra con esta formalmente), pero isto non é un fenómeno exclusivo de Galicia, nin moito menos. E o certo é que, malia todos os matices aportados, o Parlamento, aínda que sexa de consuno coa Xunta (e, por suposto, cos partidos políticos impregnando todo o tecido institucional) toma importantes decisións que afectan a todos os cidadáns galegos, pese a que moitos prefiran non darse por enteirados, por exemplo absténdose de participar nos procesos electorais, ata tal punto que o partido hoxe maioritario foi votado hai dous anos por un 29% do conxunto dos electores galegos.

Cumpriría engadir que, desde 1993, coa inestimable axuda dun Presidente da Xunta que reformou, unilateralmente, a lei electoral, a “soberanía” política dos galegos circunscríbese a tres únicas forzas políticas de tamaño e idearios ben diferentes. Este desigual triángulo representativo dos galegos pivota sobre un partido ao que lle abonda unha porcentaxe de voto dun 46,6% para facerse coa maioría absoluta (38 dos 75 escanos) e outros dous que, mesmo aliándose, precisan de 5 puntos máis de apoio entre ambos, un 51,6% para lograr idéntica maioría. Obviamente, o sistema electoral non resulta inocente nesta configuración e, aínda que isto sería merecente doutro artigo, quixera narrar a anécdota de como nunha mesa redonda que organicei na miña Facultade hai uns catro anos, na que participaban os voceiros parlamentarios da tríada política galega, o da forza maioritaría rogáballe publicamente aos outros dous que, aínda que eles o fixeran antes, por favor, non reformasen a lei electoral; de feito, non o fixeron.

Substituirán as novas ágoras de indignados aos encartonados parlamentos actuais? Ousaría dicir neste contexto no que escribo que, se os actuais intermediarios da soberanía, os partidos, non reaccionan e a xente os segue considerando como un problema, ninguén podería negarlle ao soberano popular que module e articule de maneira distinta o poder político do que é auténtico propietario en democracia.