DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato e Francisco Rodríguez inauguran oficialmente a nova zona axardinada

O Parque Ambiental ábrese para ser o pulmón verde de Ourense

Conta con 50.000 metros cadrados deseñados con criterios de sustentabilidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 19/07/2011
A comunidade universitaria do campus de Ourense e todos os ourensáns en xeral contan desde agora cunha nova zona verde na que poden gozar do tempo libre e da natureza. Trátase do Parque Ambiental Xardíns As Lagoas, inaugurado este martes polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez. As novas instalacións, que ocupan 50.000 metros cadrados e están deseñadas con criterios ambientais e de sustentabilidade, convértense no pulmón verde da cidade polas súas dimensións, ubicación e riqueza. Son ademais, segundo salientan os responsables das dúas institucións, un exemplo máis da estreita colaboración entre a Universidade de Vigo e o Concello de Ourense para integrar social, económica e urbanisticamente o campus na súa contorna.

Durante a inauguración do parque, Salustiano Mato destacou que esta nova zona verde “constitúe un gran pulmón para Ourense” e “unha proba máis da alianza estratéxica da Universidade de Vigo co Concello”. Segundo explicou, o Parque Ambiental permitirá ao campus estar “máis e mellor integrado” na contorna e máis aberto á cidadanía, ofrecéndolle unha zona onde gozar, convivir e vivir Ourense, “sendo un barrio máis da cidade”.

Pola súa banda, Francisco Rodríguez salientou que a inauguración deste parque supón “un día moi importante para a cidade” e destacou que a iniciativa é “froito dunha vontade política das dúas institucións de traballar xuntos polo futuro da cidade e polo seu desenvolvemento”. Neste senso amosou o seu desexo de “seguir por esa senda de colaboración” e continuar coa integración do campus en Ourense.

Trala descuberta da placa, o alcalde e o reitor realizaron un percorrido polo parque acompañados polos membros da comunidade universitaria e autoridades presentes, entre os que estaban Emilio Atrio, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; José Manuel García, vicerreitor de Economía e Planificación; María Lameiras, vicerreitora do Campus; Mª Victoria Jato, vicerreitora de Investigación e Transferencia do Campus de Ourense; Isabel Pérez, tenente alcalde de Ourense; e decanos e directores de centros do campus, entre outros.

Xestión ambiental

O Parque Ambiental Xardíns As Lagoas enmárcase dentro do plan A Porta de Galicia, creado polo arquitecto Patxi Mangado. Consta dunha superficie de 50.000 metros cadrados, unha extensión catro veces superior ao Parque de San Lázaro e dúas veces o Parque do Posío, as dúas zonas verdes de referencia en Ourense. Se se ten conta os espazos deportivos cos que xa conta o campus ourensán, como son as pistas de atletismo e campo de futbol-rugby, a zona sitúase en preto de 70.000 metros cadrados abertos dedicados ao ocio.

Para levar a cabo esta obra a Universidade de Vigo achegou 700.000 euros e o Concello de Ourense preto de 300.000 euros a través dun convenio de colaboración asinado entre as dúas institucións. Unha vez rematadas as obras, o concello ourensán procederá á urbanización correspondente e asumirá o seu mantemento e conservación.

Segundo explicou Javier Suances, arquitecto responsable da obra, no seu deseño tivéronse especialmente en conta os criterios ambientais. Deste xeito, ás especies arbóreas existentes engadíronse máis de cen novas árbores, reformáronse os diferentes viarios interiores, construíuse un carril para bicicletas, instalouse un sistema de iluminación que permite un importante aforro enerxético e un sistema de aproveitamento da auga da choiva e da piscina universitaria para a rega das zonas verdes, garantindo unha actuación hidráulica eficaz e eficiente.