DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense celebra un curso de verán centrado nesta temática

Un paseo pola Idade do Ferro a través dos castros da zona da Limia

Contará coa participación de destacados historiadores galegos, lusos, asturianos e casteláns

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 06/06/2011
A cultura castrexa abrangue en Galicia desde aproximadamente a Idade de Ferro, no século VI a.c., ata a romanización, no século I d.c. Un pasado afastado no tempo pero que hoxe en día aínda está presente na paisaxe galega a través dos numerosos castros que se conservan. Tradicionalmente os situados na costa atraeron máis o interese de estudosos e curiosos, pero nos últimos anos os castros do interior están a reivindicar o seu papel na historia. Para afondar neles, o campus de Ourense celebra o curso de verán Castros de interior: a Idade do Ferro do noroeste peninsular a través do exemplo limiao.

O curso, que se celebra do 13 ao 16 de xuño na Casa da Cultura de Xinzo de Limia, está dirixido polo profesor Fermín Pérez, do Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo, e conta co patrocinio da Vicerreitoría do Campus, a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Xinzo. A iniciativa, segundo explica o seu director, é xa unha tradición que se vén celebrando desde a década dos noventa nesta localidade, con sucesivos cursos nos que se abordaron diferentes aspectos desta zona empregando como fío condutor a historia e a arqueoloxía.

“Nesta ocasión, a temática elixida é a época castrexa, un tema moi de actualidade pola súa vinculación co mundo céltico e polas novas interpretacións que se están facendo dela e nas que a zona de interior ten moito que dicir”, salienta Pérez Losada. Para avanzar neste eido, o curso contará coa participación dun amplo panel de historiadores e arqueólogos da Universidade de Vigo, de Santiago de Compostela, de Salamanca e das universidades lusas de Porto e Minho. Ademais das conferencias, o último día os asistentes realizarán unha visita a diversos castros do sur de Ourense e do norte de Portugal no que poderán escoitar in situ as explicacións que lles ofrecerán sobre estes vestixios expertos como Joao Fonte, Francisco Fariña e Antonio Rodríguez Colmenero.

Prazo de inscrición aberto

Con este programa o curso “quere ofrecer á comunidade universitaria e ao público xeral un marco de encontro e formación no que poida profundar sobre o coñecemento histórico desta época a través das propias raíces locais”, explica o profesor da Facultade de Historia de Ourense. Ademais desta óptica territorial que serve de exemplificación do que é a cultura castrexa do interior, a inciativa tamén incluirá unha óptica temática polo que durante os días de celebración tamén se escoitarán conferencias nas que se abranguerán temas como a cerámica e a ourivería.

O prazo para a inscrición neste curso está aínda aberto a todos aqueles membros da comunidade universitaria e de fóra dela que teñan curiosidade por esta temática. En todo caso, Pérez Losada salienta que a media de participación neste curso soe achegarse aos 75 inscritos, nos que destaca o alumnado de Historia de diferentes centros, persoas de Xinzo de Limia interesadas en coñecer a historia da súa contorna e outros membros da comunidade universitaria con inquedanzas neste eido.