DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade organiza este sábado unha saída polo camiño fluvial do Lérez

Paseos á beira do río para combater o sedentarismo

Trátase de aproveitar a riqueza natural do espazo para animar á poboación a facer exercicio todos os

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Bea Feijóo DUVI 13/06/2012

Segundo os expertos, 30 minutos diarios de exercicio a unha intensidade moderada son suficientes para manter unha vida saudable, non obstante a maioría dos adultos en España non alcanzan ese nivel mínimo desexable. Co obxectivo de animar á cidadanía a practicar algunha actividade física, a Universidade de Vigo organiza para este sábado 16 de xuño un paseo pola beira do río Lérez, dando a coñecer, ademais da súa riqueza natural, as oportunidades que os sendeiros fluviais poden ofrecer para combater o sedentarismo.

Os responsables desta actividade son os profesores Maruxa Álvarez, da Facultade de Bioloxía, e Iván Martínez, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, realizándoa en colaboración coa empresa Integra Futuros Sostibles, dedicada á educación ambiental. Esta proposta, financiada pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, busca combinar medio ambiente e deporte e "ao tempo que se goza do ecosistema e da diversidade de especies do río, faise exercicio”, describe Maruxa Álvarez que é partidaria de establecer esta práctica en Galicia, máis común dos países nórdicos, para aproveitar en maior medida a riqueza paisaxística e natural. “Na nosa comunidade é máis común que os paseos fluviais sexan empregados ben para facer deporte ou para afondar no ecosistema, pero nunca polas dúas cuestións. Neste caso trátase de atraer á poboación que non acostuma facer exercicio ofrecéndolle unha contorna privilexiada”, explica Álvarez.

Equipados cun podómetro

Como explica a propia docente, o simple feito de camiñar é a práctica máis próxima ao exercicio perfecto, chegando a un nivel óptimo “se se chegan a dar 10.000 pasos ao día”. Equiparase a cada asistente cun podómetro para que poida autoavaliar o seu nivel de actividade física “comprobando e cuantificando eles mesmos cantos pasos dan e que esforzo implica”, apunta a profesora de Bioloxía, “xa que 10.000 pasos poden parecer moito e ao mellor non supoñen tanto desgaste”. Maruxa Álvarez anima a todo o mundo a participar pois o atractivo da actividade reside na simpleza deste método de prevención, “potenciando o exercicio físico ao mesmo tempo que se goza da beleza natural”, conclúe.

A actividade está aberta a toda a cidadanía e pensada para todas as idades e condicións. Ás 11.00 horas sairase do campus de Pontevedra para tomar unha ruta de 12 quilómetros pola beira do río. A hora de chegada está programada para as 17.00 horas. Para máis información ou para inscribirse nesta actividade gratuíta, pódese mandar un correo a maruxa@uvigo.es ou a davidgrown.integra@gmail.com ou ben chamando ao 620954744 ou 620552186.