DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preséntase en Ourense o balance do proxecto Campus ConVida e a súa nova programación

Paso a paso, unha comunidade universitaria máis saudable

A iniciativa consolídase coa idea de ser “exportada” a outros campus da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 17/07/2012
Pola franxa de idade na que se sitúan de xeito maioritario poderíase pensar a priori que os membros da comunidade universitaria gozan dunha boa saúde, entendendo saúde como física, mental e social. Sen embargo, son moitos os aspectos a mellorar na calidade de vida de universitarios, docentes, investigadores e persoal de administración e servizos. Máis deporte, mellor alimentación, menos consumo de alcol, tabaco e outras substancias e relacións afectivas máis ricas son algúns deles. Así queda patente na memoria que este martes se presentou do proxecto Campus ConVida, unha iniciativa que botou a andar este curso no campus de Ourense e que se consolidará en 2012/2013 con novas actividades que permitan, paso a paso, que a Universidade de Vigo teña unha comunidade universitaria con hábitos de vida máis saudables.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, entidade patrocinadora , e membros da comisión multidisciplinar que desenvolve o proxecto foron os encargados de presenta o balance da iniciativa e a súa nova programación. “O noso obxectivo é a promoción da saúde, pois a saúde é a condición primordial das persoas para desenvolver ao máximo e harmonicamente as súas capacidades e contribuír de maneira construtiva á súa contorna”, destacou María Lameiras. Con esta idea, explicou, durante o curso 2011/2012, púxose en marcha Campus ConVida, unha experiencia piloto que naceu coa idea de “ser exportada a outros campus”, aproveitando actividades saudables que xa se viñan realizando no ámbito universitario, especialmente no Servizo de Deportes, e desenvolvendo novas accións específicas. A universidade, engadiu Ernesto Pedrosa, “ofrece unha formación educativa pero tamén humanista, en valores” e o proxecto Campus ConVida é unha “excelente iniciativa para, ademais de formar profesionais competentes, crear cidadáns responsables”.

O presente

Sobre os hábitos de vida da comunidade universitaria, os docentes da Universidade de Vigo e membros da comisión Campus ConVida Chema Faílde, Julia de la Montaña e Reyes Pérez, foron os encargados de expor os datos e conclusións obtidos de diferentes accións realizadas ata o momento. Faílde, en base a unha enquisa inicial feita ao alumnado de primeiro curso, destacou que “é necesario tomar medidas preventivas e correctivas dos hábitos de vida dos estudantes”, especialmente en eidos como o consumo de alcol, tabaco e drogas e o uso do preservativo, pois, apuntou, arredor dun 50%-60% deles non os utilizan de xeito sistemático nas súas relacións sexuais.

A dieta é outro dos aspectos sobre o que os técnicos do proxecto chaman a atención. Durante o curso, 428 membros da comunidade universitaria, de 18 a 60 anos, acudiron aos stands informativos habilitados no marco destas iniciativa e chamados Martes ConVida. Neles, enfermeiras e expertas en nutrición analizaron as condicións físicas e a dieta dos interesados e os resultados apuntan a que un 58% non ten unha alimentación óptima e a súa adhesión á dieta mediterránea é moi mellorable. “Fai falla máis froita, máis verdura, máis hidratos de carbono, menos pastelería industrial, menos comida rápida e respectar as cinco comidas diaria”, advertiu Julia de la Montaña. Un 16% dos enquisados recoñeceu que non almorza antes de ir á Universidade. En todo caso, engadiu Reyes Pérez, a maioría da poboación participante tiña un peso e un índice de masa corporal normal, sendo o perfil medio o dunha persoa de 27 anos, 64 quilos e 167 cm de altura.

O futuro

Durante o curso 2012/2013 as actividades desta iniciativa continuarán. Os stands Martes ConVida seguirán celebrándose coa idea de facer un seguimento dos hábitos de vida das persoas participantes na primeira quenda. Como novidades organizaranse ademais cursos de cociña, farase unha proposta de menú saudable tendo en conta a oferta dos comedores universitarios e realizarase un curso de mediadores en saúde e un programa de actividades para a promoción de habilidades sociais e da saúde integral nas relacións afectivas. No eido dos deportes, ademais de continuar coa actividade habitual vinculada ao fomento da vida sa, tamén se realizarán actividades específicas no marco do Campus ConVida, como son sesións de tai-chi ao aire libre ou a organización dunha andaina popular e multixeneracional por Ourense. Tamén unha ruta, pero esta vez pola contorna do campus e tendo en conta a temática da auga e a súa relación cultural e histórica coa cidade das Burgas, será tamén unha das actividades coas que a Facultade de Historia de Ourense se unirá á programación deste proxecto, tal e como salientou a súa decana, Beatriz Comendador. Para arrancar todas estas accións, o día 25 de setembro celebrarase en Ourense a Feira do Campus ConVida.