DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Patrick Molard descobre os segredos das gaitas escocesa e bretoa

O músico fixo un percorrido pola historia e tradición musical de ambas rexións

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 12/04/2012

Aprender dos mellores é o mellor xeito de aprender e, no caso da gaita escocesa poucos hai mellores no mundo que o música bretón Patrick Molard, que este mércores ofreceu un concerto didáctico no campus do Vigo dentro da programación cultural do segundo cuadrimestre da Vicerreitoría de Extensión Universitaria.

O público asistente puido achegarse a un dos máximos representantes da música tradicional escocesa e bretoa que compartiu con eles algúns dos segredos que o converteron nun músico de recoñecido prestixio en todo o mundo e en responsable do rexurdimento da tradición bretoa.

O gaiteiro abriu o repertorio cunha gaita escocesa ao son de marchas militares do século XIX para dar paso a pezas máis festivas e bailables que adoita interpretar nos seus concertos. O instrumento escocés por excelencia deixou paso á gaita bretoa na segunda parte da acto, un instrumento moito menos coñecido, sendo el o único solista deste tipo de gaita. Molard amosou aos asistentes as características do instrumento, cun son moito máis agudo, e os puntos nos que diverxe con outras gaitas moito máis coñecidas como a galega ou a escocesa.

Molard iniciou os seus estudos de gaita en 1965 na Bretaña Francesa na cidade de Saint Malo e acadou unha grande pegada formando parte do grupo de Alan Stivell. O gaiteiro posúe unha longa traxectoria na que integrou numerosos grupos como Satanazet, Ogham, Gwendal, Pennou Skoulm ou Molard Trio pero, sobre todo, con Dan Ar Bras con quen creou un excepcional dúo de gaita e guitarra. Durante tres anos consecutivos gañou o Trofeo Macallan no Festival Intercéltico de Lorient (1980, 1981, 1982), un dos de máis soa do mundo. Dende 1993 forma parte do colectivo Mestres Solistas Europeos de Gaita, compartindo escenario con outros grandes solistas como os irlandeses Micheal O´Brien e James O´Brien-Moran, os escoceses Rory Campbell e Fred Morrison, os galegos Xosé Manuel Budiño, Anxo Pintos e Carlos Lorenzo, ou o asturiano Hevia, entre outros.