DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O curso impartirase do 9 ao 17 de novembro en horario de tarde

Pautas para afrontar a crise económica no VII curso de introdución á Bolsa

Os asistentes participarán nun xogo que simula a compravenda de accións

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
S. Alcázar DUVI 21/10/2009

Nun clima de declive económico mundial, a sétima edición do curso de Introdución á Bolsa, dirixido polos profesores José Luis Sáez Ocejo e Trinidad González-Portela, formula cuestións sobre a duración da crise financeira e a posible recuperación económica ás que intenta dar resposta. Segundo Jose Luis Sáez Ocejo “a crise financeira está hoxe en día na cresta da ola, polo que imos resumir a situación na que nos atopamos e intentaremos responder se efectivamente seguimos ou non en crise”
O curso, estruturado en seis módulos, abordará diversos aspectos relacionados coa Bolsa de Valores, dende o estudo básico do que é e o que significa no mercado financeiro español, xunto co funcionamento do mercado e as principais estratexias de inversión orientadas ao estudo da análise fundamental e técnica, tanto con valores de renda variable como no mercado de derivados. Así mesmo, tamén achegará unha visión do panorama actual do mercado financeiro, argumentando as posibles decisións de inversión futuras nos mercados bursátiles. “O obxectivo do curso é ampliar a cultura financeira dos asistentes nunha materia sometida a constantes cambios e que esixe unha permanente actualización de coñecementos” argumenta Sáez Ocejo. “Trátase de información de carácter introdutorio, dando pautas e criterios para investir en bolsa” engade.

Competición no xogo de Bolsa

A parte práctica deste curso consiste na realización dun xogo de Bolsa, no que os asistentes competirán entre si divididos por grupos mediante a simulación dun proceso de compravenda de accións do IBEX 35, aplicando os coñecementos teóricos desenvolvidos ao longo do curso. “É unha das cousas que máis engancha aos participantes” sinala Ocejo. Deste modo, os asistentes asimilan estratexias para investir en Bolsa e o seu funcionamento.

Matrícula

O VII curso de introdución á Bolsa terá lugar na Escola Universitaria de Estudos Empresariais de Vigo entre os días 9 e 17 de novembro, e se desenvolverá en horario de tarde, de 16:30 a 21:00 horas. O prazo de inscrición remata o mesmo día do inicio do curso, ás 14:00 horas, e a matrícula pode formalizarse na EU de Estudos Empresariais de forma presencial ou ben a través da plataforma virtual Bubela. O prezo desta actividade é de 100 euros para os membros da comunidade universitaria e 120 para o resto, e a asistencia será validada con dous créditos de libre configuración.