Usuarios e usuarias das instalacións deportivas plantaron 33 árbores na entrada do campus
O Pavillón Universitario salda a súa débeda co medio ambiente
Esta iniciativa busca compensar ás 12,24 toneladas de CO2 emitidas o pasado curso
Ao longo do curso 2013/2014, o consumo de auga e enerxía do Pavillón Universitario supuxo unha emisión á atmosfera de 12,24 toneladas de CO2. Unha emisión que agora se ve compensada coa plantación no campus de 33 ameneiros, castiñeiros, carballos e pradairos, que ao longo da súa vida farán posible a absorción desas 12,24 toneladas de dióxido de carbono. Foron ademais os propios usuarios e usuarias das instalacións deportivas os que nesta xornada fixeron posible esta compensación ambiental, que se integra dentro da iniciativa Pavillón verde: Deporte sostible no campus de Pontevedra, unha das primeiras accións desenvolvidas no marco do proxecto Green Campus.
“Esta é unha pequena mostra simbólica do que será un traballo de anos de concienciación e formación medioambiental”, salientou Antonia Blanco, vicerreitora en funcións do campus de Pontevedra, antes de que a representación das diferentes entidades deportivas, centros de ensino e colectivos que empregan as instalacións universitarias colleran as pas para plantar nunha parcela situada no acceso ao campus un total de 33 árbores de entre dous e cinco anos. Ademais de agradecer a súa participación, a vicerreitora en funcións salientou tamén a implicación activa das diferentes entidades no proxecto do Pavillón Verde, “xa que ademais de estar presentes nesta compensación tamén participaron na elaboración do plan estratéxico”.
A esta actividade foron convidados o CAFyD (Club Ciencias da Actividade Física e do Deporte), Escola Hungaresa de Esgrima Pontevedra, Club Baloncesto Arxil, Instituto Municipal dos Deportes de Pontevedra, CEIP Manuel Vidal Portela, Ardeas Sport Club, Centro EPA Río Lérez, Star Servicios, Grupo Eulen e o Diario de Pontevedra como organizador da Festa HQR. A colaboración destas entidades foron recoñecidas cun diploma no inicio deste acto, no que Blanco estivo acompañada polo decano de Ciencias Sociais e da Comunicación, Juan Manuel Corbacho, a decana de Ciencias da Educación e do Deporte, Francisca Fariña; o responsable do Servizo de Deportes da Universidade, Javier Rial; o secretario da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, e a responsable da Área de Extensión Cultural, Deportiva e de Comunicación do campus, Ana Belén Fernández Souto.