DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jorge Martínez Vázquez, novo Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo

“O pecado orixinal da Constitución española é o réxime foral”

O catedrático de Economía Pública da Universidade de Georgia avoga pola descentralización, pero “ben

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 31/01/2011

Das trincheiras das políticas de reforma económica a Doutor Honoris Causa pola que considera como a súa Universidade. Todo porque o grupo de investigación REDE chamou á porta do seu despacho para implícalo nas súas iniciativas: Jorge Martínez Vázquez, aínda que parecía “de orixe suramericano, como moitos outros veteranos profesores estadounidenses”, era galego de Vilagarcía. Con esta investidura, a Universidade de Vigo, a primeira que o fai regresar a España despois dun periplo por máis de 50 países, quere aproveitar o “inestimable activo” que o profesor supón para Galicia en todos os eidos.

Unha comunidade que contribúe precisamente a converter a España “nun dos países máis descentralizados do mundo. A nosa historia pesa máis que noutros países por unha razón poderosa: as distintas identidades culturais e lingüísticas”, recorda Martínez Vázquez. Sen embargo, esa “revolución silenciosa” que converte aos gobernos locais ou rexionais en actores con poderes reais en España tradúcese nunha descentralización asimétrica só usada na Rusia de Yeltsin. “O pecado orixinal da Constitución española é o réxime foral de País Vasco e Navarra, a longo prazo desestabilizador, que fomenta a competencia desleal entre o resto das comunidades e sen xustificación histórica real para a súa adopción”, sentenza.

Crecemento fiscal das rexións

Nos últimos 30 anos o goberno central pasou de representar o 91% do gasto a tan só o 50%, mentres que o anaco de tarta dos gobernos locais creceu cinco puntos e o das comunidades autónomas multiplicouse por 36. “Agora estamos mellor, con máis servizos, cunha participación cidadá máis activa e cun sistema democrático reforzado. Pero non é a panacea”, recorda. “En España fixéronse moitas cousas ben, como a limitación do déficit, pero existen defectos institucionais e de proceso político importantes que ameazan a estabilidade dinámica no futuro”, aclara o xa Doutor Honoris Causa.

Neste proceso, os gobernos locais quedaron atrás na participación do gasto, polo que se podería falar dunha segunda descentralización que nin ocorreu “nin ocorrerá” porque non teñen unha dependencia xerárquica das autonomías. “A división de competencias está ben feita, con tempo, para non sufrir os fracasos doutros países. Pero é necesario introducir unha metodoloxía flexible para medir as necesidades de gasto derivadas da asignación de competencias”, analiza o profesor da Universidade de Georgia. O problema vén porque as comunidades non quixeron exercer a súa autonomía tributaria, evitando “o custe político” e optando por unha negociación bilateral co Goberno. Sen embargo, os fondos europeos chegan ao seu fin e a petición de transferencias é un pozo sen fondo “polo que habería que crear un espazo fiscal e se as comunidades queren máis cartos que acudan aos cidadáns. Acabaríase o de chamar á porta da Moncloa”.

O que nunca recomendaría Martínez Vázquez é que as administracións rexionais controlaran a recadación dos impostos a nivel nacional, xa que sería “a antesala da proliferación do réxime foral”. O primeiro nas axendas políticas debería ser a reforma do sistema de cota para que País Vasco e Navarra participen nas súas responsabilidades nacionais, algo difícil de acadar xa que o convenio co Goberno central ten vixencia indefinida. Pero niso “vai o futuro do país”.

Resumo da intervención de Jorge Martínez Vázquez (924.78 Kb)
Intervención do profesor e padriño, Santiago Lago (28.08 Kb)