DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Medio cento de persoas pasaron a noite no centro universitario

O peche estudantil no Edificio de Ferro manterase de xeito indefinido

Os participantes protestan contra os recortes no ensino público

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 31/05/2012

A noite do mércores arredor de medio cento de estudantes pecháronse no Edificio de Ferro do campus de Ourense como protesta polos recortes no ensino público e tras o seu desaloxo o día anterior da Biblioteca Nodal da cidade. Este xoves, as entidades que apoian estas reivindicacións, unidas baixo o nome de Peche Ourense, decidiron manter de xeito indefinido a súa presenza no edificio universitario e continuar coas protestas. Desde a Vicerreitoría do campus non se interferirá no peche, sempre e cando se manteña por unha causa reivindicativa e mentres os participantes cumpran as normas de coidado das instalacións e de respecto da convivencia necesarias, de modo que o traballo no centro académico se poida manter con normalidade.

Os estudantes Ledicia Piñeiro e Juan Sebastián Pirola foron os encargados de ler en rolda de prensa o manifesto de Peche Ourense e de explicar as reivindicacións e as accións que levarán a cabo co apoio de Liga Estudantil Galega, Ami, Xuventudes Comunistas, 15 M Ourense, Galiza Nova, Estudantes sen Futuro, Liga Comunista Libertaria e Adiante. “O estudantado está canso de ser o inimigo e vai seguir reivindicando os seus dereitos”, explicou Ledicia Piñeiro. Entre estas reivindicacións están unha educación pública, laica e en galego, un ensino humanista e non mercantilista, a eliminación de gastos superfluos da administración e a visibilización da muller.

Para reivindicar estes aspectos, os participantes decidiron en asemblea continuar diaria e indefinidamente coas concentracións ás 20.00 h diante da subdelegación do goberno en Ourense e co peche no Edificio de Ferro, escollido por ser “un emblema da educación pública” xa que nel está a Facultade de Ciencias da Educación ademais da de Historia. No caso do peche no campus, os participantes comprometéronse a respectar as normas de convivencia necesarias para permitir o normal desenvolvemento da actividade académica e da vida no centro. Neste senso, os representantes de Peche Ourense quixeron aclarar que durante a ocupación este martes da Biblioteca Nodal “tiveron completo coidado” e que “os estragos ocasionados nel foron producidos polo desaloxo policial”, segundo apuntou Juan Sebastián Pirola. Tamén quixeron condenar o que cualificaron como “violencia física e verbal” sufrida polos estudantes desaloxados dese centro.

Os convocantes fixeron un chamamento a todas as persoas descontentas coa actual situación educativa e socioeconómica a unirse a estes actos reivindicativos, especialmente ás manifestacións nas rúas e ás asambleas que ás 21.00 h se celebrarán no Edificio de Ferro. Ledicia Piñeiro fixo fincapé na importancia de conseguir mobilizar, ao igual que noutras cidades e universidades, "a toda esa xente que está indignada vendo como os seus dereito fundamentais son pisados mentres se producen casos como o de Bankia".