DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Pobra de Trives acollerá o 26 e 27 de outubro o quinto congreso sobre este intelectual galeguista

Pedagoxía, literatura e historia para achegarse á figura de Acuña

Valentín Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreiro tamén terán protagonismo nesta cita cultural

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 28/09/2012

Segundo explica o docente Xosé Manuel Cid, “o galeguista Manuel Luís Acuña destacou polo seu traballo no eido pedagóxico, pois foi mestre da xeración república; pola súa produción literaria, pois foi poeta ata 1936, e porque a súa traxectoria nos permite achegarnos a un momento histórico e político moi importante”. Estas tres facianas do intelectual ourensán serán os eixes vertebradores do V Congreso Manuel Luís Acuña, que se celebrará os días 26 e 27 de outubro no Concello da Pobra de Trives. A cita permitirá aos asistentes achegarse tamén a temas como a incorporación da muller ao ensino ou a represión dos mestres durante e despois da Guerra Civil.

O V Congreso Manuel Luís Acuña, organizado pola Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, polo Concello da Pobra de Trives e por Nova Escola Galega, foi presentado este venres no Edificio de Ferro polos coordinadores da iniciativa, Xosé Manuel Cid e Xoán Carlos Domínguez, e polo alcalde do municipio ourensán, Francisco José Fernández. “Cada tres anos celebramos este congreso e despois de cinco edicións aínda nos queda moito por coñecer da figura de Acuña e seguen xurdindo ámbitos novos que investigar”, salientou Cid durante a presentación. A cita, engadiu o alcalde de Trives, será relevante non só por afondar na traxectoria de Acuña, senón tamén “porque en momentos coma este é preciso facer fincapé na necesidade de apostar pola cultura e pola lingua galegas, por impulsalas e por reforzalas”.

Un programa moi diverso

Durante os dous días celebración, os participantes afondarán en cuestións como a historia dos diferentes modelos educativos do ensino en Galicia; as figuras de Valentín Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreiro; o papel das mulleres na guerrilla antifranquista; a incorporación da muller ao ensino; o asasinado mestre Antonio Caneda e a literatura no cambio de século. Entre os conferenciantes estarán Xesús Alonso Montero, Aurora Marco, Narciso de Gabriel, Ramón Nicolás Rodríguez e Ana Cebreiros. Ademais, e segundo explicou Xoán Carlos Domínguez, cando menos sete relatorios ata agora presentados achegaranse a diferentes aspectos da figura de Manuel Luís Acuña e do seu tempo.

Dun xeito especial, os responsables da iniciativa quixeron destacar a implicación do colexios da Pobra de Trives na celebración do congreso. Así, o primeiro día o grupo de teatro A illa, do IES Pobra de Trives, representará a peza A natureza no reino da escuridade, inspirada nos tempos de Acuña. Ao día seguinte, alumnado do CEIP da mesma localidade ofrecerá un recital de poemas do intelectual galego e inaugurarase unha exposición con láminas a partir dos textos lidos. Serán a parte máis lúdica dunha cita que tamén contará con proxeccións audiovisuais, concertos de música e presentacións de libros.