DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres celebrouse a votación da Xunta de Centro

Pedro Araujo é elixido novo decano da Facultade de Ciencias

A súa candidatura acadou 60 votos a favor, catro en branco, dous en contra e un nulo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 27/10/2023

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense elixiu este venres novo equipo decanal. Na votación da Xunta de Centro a única candidatura presentada ás eleccións, a liderada polo profesor Pedro Araujo, acadou 60 votos a favor, catro en branco, dous en contra e un nulo. A celebración destas eleccións prodúcese tras deixar en xuño o seu cargo de decano Francisco Javier Rodríguez Rajo (ao ser nomeado vicerreitor do campus de Ourense) e ocupar o seu posto de xeito provisional a profesora María José Pérez.

Pedro Araujo é profesor titular da Área de Xeodinámica Externa e do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Universidade de Vigo. Ao longo da súa traxectoria, vinculada sempre ao campus de Ourense desde que era o antigo Colexio Universitario, ten ocupado diferentes cargos de xestión académica, sendo en diferentes períodos secretario, vicedecano e decano. Dentro do campo da xeoloxía tense centrado no estudo e investigación de xacementos termais da provincia de Ourense e de Galicia, desde o punto de vista do seu aproveitamento balneario e como recurso xeotérmico. O equipo decanal que o acompañará no seu mandato será de continuidade cos precedentes, sendo vicedecanas e vicedecanos o persoal docente e investigador deste centro María Fernández, Beatriz Gullón e Gonzalo Astray e secretaria María José Pérez.

Potenciar Enxeñaría Agraria, Ciencias Ambientais e Alimentos

Sobre a decisión de volver a presentarse a decano da Facultade de Ciencias, cargo que ocupou desde o ano 2009 a 2015, Pedro Araujo apunta que se debe “ao momento que está vivindo a universidade e á consideración do papel que debe realizar a nosa Facultade de Ciencias neste novo contexto”. No mandato que se abre agora sinala que “os retos aos que nos enfrontamos son tres: a actualización dos plans de estudo dos graos ofertados axeitándoos aos novos retos e demandas da sociedade, buscando maior relación coa contorna socioeconómica e coas novas tecnoloxías; a adaptación da facultade á nova Lei de Universidades e a busca de novos espazos que permitan unha mellora nos servizos que ofertamos, tanto docentes como de investigación”.

A Facultade de Ciencias, indicou o novo decano, destaca pola produción investigadora dos grupos e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación que alberga, e que sitúan á Universidade de Vigo entre as 51-75 mellores do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e entre as 401-500 en Ciencias da Terra e Ciencias Agrícolas no ránking de Shanghai. Porén, apuntou, é unha liña de actuación prioritaria o reforzamento da súa faciana académica, apostando por traballar na captación de alumnado para os seus graos de Enxeñaría Agraria, Ciencias Ambientais e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos. Trátase, subliñou Pedro Araujo, de titulacións moi específicas, non xerais, e moi vinculadas co futuro da sociedade, tendo en conta o papel que xogan nel a alimentación, o medio ambiente e agricultura. Entre outros aspectos apuntou que se intentarán potenciar a través da posta en marcha de dobres graos.