DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores celebrouse a votación da Xunta de Facultade

Pedro Araújo renova como decano da Facultade de Ciencias

Recibiu 63 votos a favor, seis en contra e oito en branco

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 26/09/2012

Con 63 votos a favor, seis en contra e oito en branco Pedro Araújo foi elixido este mércores, en votación da Xunta de Facultade, como decano de Ciencias. O docente renova o seu posto ao fronte do centro que veu dirixindo nos tres últimos anos. “É moi ilusionante e esperanzador saber que, despois de tres anos, nestas eleccións obtivemos máis votos positivos e menos negativos que nas anteriores votacións. É o mellor respaldo que podemos ter ao traballo que estamos facendo”, destaca Araújo.

As eleccións celebráronse por votación da Xunta de Facultade, que está formada, alén do equipo decanal, por todo o profesorado funcionario do centro e representacións tanto do persoal docente e investigador non funcionario coma dos estudantes e do persoal de administración e servizos. En total 107 persoas das que este mércores se achegaron a votar 77 ao Edificio Politécnico. “Obter o apoio de case o 82% dos votos depositados e case o 60% de toda a Xunta de Facultade é un resultado que valoramos dun xeito moi positivo”, explica o decano da Facultade de Ciencias.

Equipo e retos

Con este resultado, no equipo de Pedro Araújo repiten nos seus cargos como vicedecanos do centro os docentes Gil Garrote e Sidonia Martínez. A secretaría renóvase coa incorporación da profesora Elena Martínez, que substitúe a María Teresa de Castro debido ás esixencia que ten o seu posto como coordinadora do Máster de Ciencias do Clima da facultade.

Sobre os retos que afrontará o equipo decanal e o centro nos vindeiros tres anos, Pedro Araújo salienta que “coa adaptación ao EEES a universidade está a sufrir grandes cambios, tanto na aprendizaxe como na docencia e na investigación. Rematar o seu proceso de implantación e logo manter unha continua actualización e renovación do sistema vai ser a tarefa máis ardua que teremos que facer”.

Ademais, e atendendo á realidade da sociedade e do mercado, o decano da Facultade de Ciencias anticipa que nesta nova etapa “vamos a intentar aproximarnos máis ao mundo empresarial porque temos moitas cousas positivas que achegarlles e eles e eles a nós”. Polo “aire fresco e ilusionante que supoñen para o centro", Pedro Araújo tamén salienta o interese en coidar a faciana internacional da facultade, que este ano viu considerablemente incrementado o seu número de alumnos estranxeiros ao recibir unha vintena de estudantes brasileiros a través do novo programa Ciencias Sen Fronteiras.