DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo acolle o curso 'Creatividade e innovación na empresa'

Pensar 'fóra da caixa', o camiño para atopar as mellores ideas de negocio

O consultor Simone Serasini amosa como desenvolver unha actitude creativa na ámbito empresarial

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 09/09/2011
Ademais de coñecementos e algo de sorte, os negocios, como a maioría dos aspectos da vida, precisan dunha elevada dose de creatividade para ser exitosos. Ter esta actitude creativa non é algo innato, senón que é unha habilidade que require dun adestramento para sacarlle o máximo proveito posible. Con esta idea, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, en colaboración da Cátedra Bancaja Xoves Emprendedores da Universidade de Vigo, celebra o 9 e 10 de setembro o curso Creatividade e innovación na empresa.

O obxectivo da iniciativa, que se enmarca dentro do Máster en Creación, Dirección e Innovación na Empresa, é traballar cos asistentes as bases do pensamento creativo, as técnicas máis potentes para a xeración de ideas novas e de valor e os coñecementos esenciais para transformar as ideas en proxectos de éxito. Simone Serasini, consultor e formador da empresa actitudcreativa, é o encargado de ofrecer o curso e de introducir aos participantes nesta nova forma de solucionar os problemas saíndo "fóra da caixa do pensamento habitual".

“A maioría das persoas asocian a creatividade coas actividades artísticas e considérana algo espontáneo e suxeito á inspiración. Pero non é así. Todos, en diferente grao, podemos ser creativos. A creatividade é unha capacidade, unha habilidade que temos e que podemos e debemos adestrar e mellorar”, salienta Serasini. Con esta idea de fondo, os dous días de traballo do curso están enfocados a explicar os conceptos básicos de creatividade e a afondar nas técnicas para xerar e seleccionar as ideas de negocio máis potentes.

Rompendo patróns

“O pensamento creativo é aquel pensamento que aborda as cousas desde diferentes puntos de vista e que te leva a saír da caixa do pensamento lineal. A nosa cultura imponnos unha serie de barreiras, fai que sigamos unhas pautas, uns patróns de pensamentos que se basean no que coñecemos. Romper eses patróns e preguntarse se hai outra forma, unha forma mellor ou diferente de facer algo, debe ser o noso obxectivo”, apunta o consultor.

Con esta finalidade, Simone Serasini afonda no curso nunha serie de técnicas e exercicios que se aplican de forma consciente para rachar as barreiras mentais, para desencadear os mecanismos que poden levar ao cerebro a ter un pensamento creativo. “As técnicas son unha escusa para acostumar ao cerebro a pensar e adoptar unha actitude creativa”, destaca Serasini.

Sobre a importancia desta forma de pensamento, o consultor salienta por último a necesidade de adoptala como algo permanente e non puntual. “É unha pena que só se lle preste atención á creatividade á innovación cando hai unha crise. Sempre deberíamos ter na cabeza a pregunta “isto pode mellorarse?”. O reto de querer sempre mellorar o que xa existe pódete levar a novas ideas de negocio. Como exemplo a seguir apunta ao sector das novas tecnoloxías, que está continuamente creando novos produtos que melloran a vida das persoas.