DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O actor participa na programación da Miteu

Pepe Viyuela reivindica “a capacidade crear sociedade” do teatro

Este martes falou no campus do seu libro Bestiario del Circo e da súa concepción do humor

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 03/05/2022

Este luns e martes, o gran protagonista da 27ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu) foi o actor e humorista Pepe Viyuela. Se onte representada con cheo de público no Teatro Principal a súa obra Encerrona, "unha reflexión sobre o cotián desde a perspectiva do pallaso", este martes acudiu ao campus para falar a medios de comunicación e alumnado universitario sobre o seu libro Bestiario del Circo e da súa concepción social do humor e do teatro alén do entretemento.

Na visita ao campus de Ourense, Fernando Dacosta, director da Miteu e profesor da Facultade de Educación e Traballo Social que acolleu o acto, presentou a Pepe Viyuela como “actor de cine, de teatro, de televisión, pallaso, activista e unha persoa extraordinariamente xenerosa que está en moias causas sociais e humanitarias”, ademais de licenciado en Filosofía e Belas Artes. De entre todas estas etiquetas, Pepe Viyuela indicou que coa que máis se sente identificado é sen dúbida coa de pallaso.

O personaxe do pallaso

O convidado subliñou que para el foi “unha marabilla poder participar nunha mostra de teatro universitaria” como a Miteu. En primeiro lugar, apuntou, por ter representado a súa obra Encerrona no Teatro Principal. Trátase, apuntou, dunha peza na que emprega o personaxe do pallaso, o seu, dixo, “alter ego desde fai bastantes anos, porque naceu cando tiña vinte e tantos anos e desde entón non nos temos separado”.  Este personaxe do pallaso, recoñeceu, “foi articulando ao longo dos anos moitas cousas na miña vida desde o punto de vista profesional e tamén persoal”. Profesionalmente, subliñou, “foi todo un mestre, ao que sempre volvo”, recalcando como “ensinoume moito como actor: todo o que ten que ver coa escoita, coa participación do público, co sentido lúdico do traballo actoral, todo o que ten que ver coa afectividade, co respecto e o amor ao público”. Desde o punto de vista persoal, engadiu, destacou como este personaxe “achega unha visión diferente a todo o que un fai”. “A mirada do pallaso é unha mirada moi libre, moi respectuosa, que ten que ver moito co afectivo, coa empatía, co concepto da finitude e dos nosos propios límites como seres humanos, as nosas incapacidades e a adaptación desas incapacidades como parte esencial do ser humano”, afirmou o actor no seu encontro cos medios.

De todas estas experiencias, afirmou Pepe Viyuela, naceron cousas como o libro presentado este martes no campus e que xa ten publicado anos atrás. Trátase, dixo, dun libro “no que se recollen algunhas das miñas experiencias e ideas, nun ton poético, relacionadas co pallaso e co circo”. Do circo, o relator subliñou “todo o que ten que ver coa superación, coas habilidades, co máis difícil aínda, co risco, etc” e como na súa publicación “permitinme o luxo de xogar con todo este imaxinario circense e elaborar un libro cun ton poético”. A obra representada onte e esta obra servíronlle ao actor para facer un eloxio da figura do pallaso e do circo, recalcando que “nada me pode facer máis feliz que seguir facendo o pallaso, falar do circo e encontrarme como esta mañá con xente nova, con universitarios, cos que compartir e incentivar a busca, non sei se antropolóxica ou ao menos curiosa, de todo o que ten que ver con estes mundos”.

O pallaso, afirmou Pepe Viyuela na súa intervención, “sempre serviu como icona, arquetipo ou ferramenta para amosar e denunciar os aspectos quizais máis negativos da nosa forma ser como humanos e por iso dalgunha maneira tamén ten sido perseguido e criticado, porque saca as cores, xeralmente á xente con poder”. A palabra pallaso, dixo, emprégase en moitas ocasións como insulto porque representa precisamente aos marxinados. “Na súa forma de vestir son estrafalarios, na súa forma de actuar son torpes, a súa forma de falar non é a correcta...” dixo sobre estes personaxes. Porén, recalcou, “eu creo que é algo marabilloso ser neno, ser pallaso, representar a vulnerabilidade. Ser vulnerable nestes momentos, ser sensible, empático, para min é un auténtico eloxio e das cousas máis fermosas que se poden ser”.

Preguntado sobre se o humor ten límites, o actor sinalou que “o humor en si mesmo non é bo nin malo por natureza, pode ser utilizado ben e mal e hai límites”, situándoos en cando se emprega “contra alguén que non se pode defender”. Pola contra, dixo, “cando o humor é utilizado como ferramenta para denunciar, para criticar determinados comportamentos, pois o pallaso convértese dalgún xeito en activista, en referente e nun espello”. Neste senso, Viyuela apuntou que no seu caso “o concepto de seriedade téñoo en corentena” pois, dixo, “o humor o que propicia é ter cintura, flexibilidade e ter capacidade de encaixar as críticas” e “as personalidades serias moitas veces son demasiado ríxidas”.

A cara visible da esperanza

Respecto á situación provocada pola pandemia, Pepe Viyuela destacou que “hai unha sede e unha escaseza de contacto, vivimos nunha sociedade na que estamos hiperconectados pero ao mesmo tempo vivimos en soidade a maior parte do tempo. Ter un teléfono móbil no que temos tantísimos contactos non nos converte en seres máis felices”. Neste contexto, dixo, o contacto directo do público co teatro en xeral e en concreto co pallaso “eu creo que ten todas as portas abertas precisamente porque hai fame de presencia, despois da pandemia na que vivimos tan afastados uns de outros”. Así, o actor subliñou que “os teatro non se deixaron de encher nin cando había máscaras e distancias” e a “a xente vivíao con emoción, os aplausos tiñan algo que ía máis alá da función que acababan de ver, era o aplauso ao feito de volver a estar xuntos, volver a vivir a cerimonia teatral, había algo emocionante”.

Nas situacións máis difíciles, afirmou Viyuela, “o humor convértese en algo máis necesario ca nunca”, é “a cara visible da esperanza” e neste senso destacou que a pandemia tamén fixo ao mundo do teatro sentir que “formamos parte de algo moi necesario na sociedade, que o teatro non é soamente entretemento, que ten moito que ver coa capacidade de crear sociedade, a capacidade de fomentar o pensamento crítico libre e que prantexa a importancia da comunidade, a importancia de estar xuntos”. O encontro que propicia o teatro, afirmou, “é moito máis que entretemento, ten connotacións antropolóxicas moi profundas”. Por este motivo, recalcou o humorista, “agora mesmo, quizais máis que nunca na miña vida, entendo a importancia do teatro e de ser actor”.