DUVI

Diario da Universidade de Vigo

65 expertos participan no primeiro seminario do proxecto europeo SUPURBFOOD

As pequenas hortas gañan peso en tempos de crise

A iniciativa busca mellorar a sustentabilidade da agricultura urbana e periurbana en sete áreas rexi

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 26/06/2013

Produtos da horta con marca da rexión, sen longos procesos de transporte e o máis sustentable posible. Iso é o que reivindica SUPURBFOOD, un proxecto europeo no que participa o Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía (GIEEA) da Universidade de Vigo que ten por obxectivo mellorar a sostibilidade da agricultura en áreas urbanas e periurbanas así como a provisión de alimentos en diferentes cidades europeas. Financiado polo 7º Programa Marco, a iniciativa celebra na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais o seu primeiro seminario, no que 65 expertos de 14 países europeos e do Sur intercambiarán “as experiencias que se están a desenvolver nalgunhas zonas para trasladalas, se é posible, ao resto de participantes no proxecto”. “Falamos dunha agricultura a pequena escala coa que subministrar alimentos aos propios veciños sen necesidade de estar inmersos en circuítos máis grandes similares ao abastecemento de produtos agrarios a nivel mundial”, salienta Xavier Simón, investigador principal do grupo vigués.

Durante os vindeiros tres anos, os 20 organismos públicos e privados que participan na iniciativa buscarán enfoques innovadores cos que abordar a investigación de dinámicas alimentarias e gobernanza nas cidades-rexión e a necesidade “de que os circuítos de comercialización dos produtos agrarios sexan curtos, de ter unha perspectiva multifuncional do uso do territorio e de introducir modificacións tecnolóxicas e institucionais na nosa forma de xestionar os recursos para favorecer a reciclaxe dos nutrientes e dos refugallos producido no medio urbano” para integralos nos procesos agrarios e rurais.

Unha liña de investigación que gaña peso en tempos de crise, xa que na realidade económica actual estase a observar unha recuperación da actividade agraria en zonas semiurbanas de Vigo en particular, de Galicia en xeral. “Fincas que levaban anos a ermo están agora sendo usadas para plantar cereais para alimentar a algún gando ou para a horticultura”, recorda Simón. É nese proceso “de crise conxuntural, case estrutural, onde Galicia debe apostar moito máis pola posta en marcha de modelos de aproveitamento de recursos rurais de tal forma que ocupemos o espazo ambiental e cultural das nosas aldeas urbanas e periurbanas, claramente infrautilizadas, abandonadas en moitos casos. Xunta e concellos debían facer máis para poñelos en valor”.

Un tratamento integrado

Cun nivel de “madurez mental e política” maior que en outros tempos, a sociedade occidental actual ten posto en marcha “novas formas de producir, de distribuír” para satisfacer as necesidades privadas ou colectivas “construíndo novos espazos sociais para fabricar e producir os nosos alimentos, para interaccionar entre nós e a natureza ao marxe das lóxicas impostas”. E se ata o de agora os temas como as canles curtas de comercialización alimentaria e a agricultura multifuncional eran considerados como parte exclusiva do desenvolvemento de espazos rurais, SUPURBFOOD aborda este aspecto dende o punto de vista urbano e integrado, defendendo a súa importancia para reducir o impacto ambiental do sistema agroalimentario a través da mellora de ciclos pechados de nutrientes, auga e refugallos.

Colaboración coa Comunidade de Montes de Vincios

Neste proxecto europeo participan 20 centros de investigación, universidades e pequenas e medianas empresas de sete rexións ou áreas metropolitanas euopeas nas que se desenvolverá a iniciativa: Rotterdam, Roma, Gante, Vigo, Bristol, Zürich e Riga. Nos vindeiros anos o grupo GIEEA traballará conxuntamente coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vincios para facer unha análise en profundidade de experiencias concretas sobre o peche de ciclos de nutrientes, auga e refugallos.