DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro do curso sobre "O ciclo do entroido dende a perspectiva histórica e antropolóxica"

Un percorrido polas distintas facianas do entroido dende a prehistoria ata os nosos días

O seminario desenvolverase os días 13 a 16 de xullo no Concello de Xinzo de Limia

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 08/07/2010

Fátima Braña, profesora de Antropoloxía Social e Patrimonio Cultural da Universidade de Vigo, asegura que o entroido é a festa esencial do calendario anual. “Esta festividade rompe non só coa dinámica de traballo senón que establece unha loita co poder e a orde establecida”, declara. Pero o entroido é parte tamén do noso patrimonio cultural. “Está vivo e forma parte da nosa vida e da nosa cultura”, matiza.

Especialistas na temática reuniranse os próximos días 13 a 16 de xullo no Concello de Xinzo de Limia para participar nun curso de extensión universitaria sobre O ciclo do entroido dende a perspectiva histórica e antropolóxica, dirixido polos profesores José Antonio Fidalgo Santamariña e Fátima Braña . A profesora Braña explica que son tres os obxectivos fundamentais da actividade. “Por unha banda queremos reunir aos investigadores para facer unha posta en común dos traballos realizados sobre esta festividade. Coñecer as variedades do carnaval en Galicia e no noroeste peninsular e amosar novas experiencias que nos axuden a promover a festa son outras finalidades do evento”, declara. O prazo de inscrición para participar nesta actividade remata o día 23 de xuño.

Unha viaxe aos inicios da humanidade coas máscaras

O relatorio inaugural do curso correrá a cargo do historiador Elixio Rivas, que falará sobre Etimoloxía e semántica de entroido e as súas figuras representativas. Será o comezo dunha serie de intervencións e táboas redondas nas que os investigadores farán un percorrido pola festividade dende a prehistoria ata os nosos días. Un salto no tempo ata o pasado que ten que ver coas máscaras, “unhas formas cargadas de significado simbólico que se remontan aos inicios da humanidade”, segundo explica Fátima Braña. No curso intervirán grandes especialistas que afondarán nas distintas facianas da máscara no tempo e nas transformacións e formas que foi tomando esta festa ao longo da historia. Relatorios sobre As festas agrarias romanas, O carnaval na Idade Media, O ciclo do carnaval nas artes plásticas e A posición da igrexa diante do ciclo do entroido aportaranlles aos asistentes ao seminario unha posta ao día sobre o estudo desta festa desenvolvendo unha mostra de manifestacións da mesma nun percorrido polo noroeste peninsular.

O programa de intervencións inclúe tamén relatorios sobre a relación desta festividade co turismo e a súa importancia no desenvolvemento económico e social dos lugares nos que se celebra. De feito e segundo explica a profesora Braña, outro dos obxectivos da xornada é o de informar e valorar os distintos proxectos de promoción e difusión dos diferentes entroidos e atender ao proceso de patrimonialización, “na medida en que a conversión da festa en patrimonio implica cambios e oportunidades a desenvolver”, afirma.

O programa do curso complétase cunha serie de actividades paralelas como proxeccións de vídeos e visitas guiadas –ao Museo Etnográfico de Vilar de Santos, ao Museo Galego do Entroido e á aldea de Saa- contando con especialistas que guiarán aos asistentes en cada visita e actividade. Unha proposta organizativa que ten por obxectivo facer do curso unha experiencia académica que atenda ás diferentes formas e vivencias relacionadas co carnaval.

O triángulo do entroido en Ourense

Asegura o profesor Fidalgo Santamariña que falar do entroido ourensán “é falar de costumes e rituais ancestrais”. Con el coincide Fátima Braña ao subliñar “a forza, variedade e riqueza das diferentes manifestacións do carnaval en Ourense, unha realidade que explica que os distintos estudos que se teñen realizado sobre esta festividade en Galicia lle dediquen boa parte da análise e recollida de datos a esta provincia”, declara. A docente fai especial fincapé no famoso triángulo do entroido na provincia marcado por Xinzo da Limia, Verín e Laza ao tempo que matiza que “a variedade e a intensidade do carnaval ourensán fai que cada unha das súas manifestacións mereza atención, estudo e difusión”.

Con estes datos na man a profesora Braña incide na importancia de preservar esta festividade. Nas súas palabras, “o entroido é unha celebración popular cunha transcendencia que acadan poucas festas na actualidade, xa que consegue agrupar vontades máis aló da propia organización ou dun espazo determinado, nos permite convivir cos nosos grupos de referencia e marca unha ruptura en todo o calendario laboral e festivo”, declara.