DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escritora e crítica María Marco impartiu unha conferencia na Facultade de Belas Artes

Un percorrido histórico polos momentos nos que confluíron arte e maxia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Académica
DUVI Pontevedra 13/04/2023

Do neolítico a súa influencia nas novas tecnoloxías, os “momentos históricos nos que a maxia e a arte conflúen e se confunden” centraron a conferencia que a escritora, crítica e comisaria María Marco impartiu na tarde deste mércores na Facultade de Belas Artes. Tomando como punto de partida o seu ensaio Tigres e magnolias. La magia como transformación en el arte contemporáneo, co que acadou o II Premio CGAC de Investigación e Ensaio en Arte Contemporéanea, Marco propuxo neste coloquio un percorrido cronolóxico pola historia, co que buscaba tamén amosar ao alumnado o “interese pola mística e a espiritualidade” nas prácticas artísticas contemporáneas. 

“A incerteza polo futuro e a resaca pospandemia agudizan o interse polas prácticas adivinatorias e máxicas”, sostivo a tamén doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo, que nos últimos anos desenvolveu diferentes traballos de comisariado e xestión cultural para institucións como a Cidade da Cultura ou a Fundación Serralves de Porto. Is Art a kind of Magic? (It-is-a-kind-of-magic!) era o título deste relatorio promovido pola profesora Andrea Costas que se incorporará nos próximos días ao repositorio de UVigo TV. Crítica de arte en medios como El Cultural ou Tempos Novos, Marco partiu de como no neolítico “a sublimación de obxectos para os rituais de caza deriva en arte”, para logo afondar na “influencia da maxia no nacemento da pintura abstracta”, a través das obras de artistas como Hilma Af Klimt ou Emma Kuntz. A crítica e comisaria reflexionou tamén sobre como “o espiritismo do século XIX foi a primeira práctica performativa documentada”, para achegarse logo a autores e autoras contemporáneos. Nese senso, o seu relatorio afondou nas obras de artistas como Guido Boggiani, Leonora Carrington, Jacques Derrida, Chiara Fumai, Marina Abramovic, o movemento WITCH, Carla Andrade, María Loboda ou Mara Deyen, para finalmente reflexionar tamén sobre o “tecnochamanismo” e as súas “influenzas nas novas tecnoloxías e videoxogos”.